Comezar o día non é doado. Mesmo persoas de trato doce e suave son, nesas primeiras horas nas que toca sacar as lagañas e poñer as pilas, verdadeiros tigres bengalís e non hai quen lles tusa. Persoalmente, intento en tan adversa, malia cotiá e inevitable, circunstancia facer bo aquilo de que non é que día teño senón que día quero ter. Para tales efectos, procuro converter os primeiros compases da xornada en momentos máis ou menos agradables, botando man de certos recursos edulcorantes. No canto de envelenarme, a miña viaxe diaria dende o meu querido Brión ata o compostelano campus sur (digamos, vinte minutos, 1/2 hora se o tráfico está especialmente canino) devén, deste xeito, un relanzo de sosego pois, comodamente sentado no automóbil, disfruto da música e aproveito para poñer os meus pensamentos en orde e ir adminsitrando mentalmente a axenda do día. Hoxe, mentres me apabullaba coa abigarrada complicidade dos sintetizadores, percusións e alaridos de guitarra de Tangerine Dream (tiña eu un amigo que, pouco perito en inglés, lles chamaba Tandilindrín), decidín poñer a radio. A locutora estaba presentando as declaracións de Pachi Vázquez sobre que Feijoo e o narcotráfico andan aí, aí. Ao remate, a locutora indicou que o mesmo Pachi Vázquez está sendo investigado polo presunto incumprimento da disciplina urbanística nunha casa súa en non sei ónde.
Reprimín unha arcada e, decidido a non joderme o día, voltei a Tangerine Dream.
3 comentarios:
Políticos de merda, que pretenden tapar a súa coa dos outros.
O que realmente me preocupa é se este é o nivel que nos merecemos porque é a xente á que votamos.
E non hai alternativa? Que podemos facer? Ficar na barreira mirando, resginados, o espectáculo? Agardar un "salvador" da patria?
Feijoo e o bluuuuffff mais grande que tivo este país desde o bipartito. Políticamente, é da máis pura estirpe marianista, é dicir, todo vaise en andar aseadiño, non dar pancada e botarlle morro. Sen ir máis lonxe, o outro día, coido que foi nunha rolda de prensa, preguntado polo paro e a emigración, non tivo problema en descolgarse dicindo que el non se sentía responsable e que nada podía facer pois a Xunta non tiña transferidas as competencias en materia de traballo.
O lamentable non son as declaracións deste homiño pequeniño moral e políticamente. O lamentable aos meus ollos, foi a falla de reacións fronte ao seu despropósito e desatino. Nin esa prensa libre que vive das subvencións da publicidade institucional que lle outorga a Xunta, nin a intelligentsia galega (a orgánica (a grande maioría) ou a críptica (a que poucos entenden)), nin o destemido e deslenguado Patxi, nin o xeneral das "Us" imperiais don Guilleme Vázquez, foron máis alá do mero comentario radial e tertuliano.
En canto a sociedade civil, como non, pouco podía facer ela. Quer andaba desacougada porque o cheque da pensión-subvención parecía que se retrasaba este mes, quer estaba preocupada por facer as maletas para saír a tempo camiño da emigración.
Dicía Bukowsky, "somos lo que cagamos". Pois se lle aplicamos o dito á maioría da xente deste país que nen quere ver, nen quere escoitar, nen quere falar, o mellor que podemos facer e manter a natalidade en mínimos e emigrar sistemáticamente. A ver se así conseguimos desaparecer dunha vez como pobo. Merecémolo, por parvos, por tarados e por asumir vivir resignadamente no "país dos ananos" sen que nada pase, sen que nada cambie.
Adrian Solobio
Publicar un comentario