16.4.10

Inquisitio haereticae pravitatis

Eu non son historiador, pero intúo que, na historia da humanidade, poucas conquistas ideolóxicas se desenvolveron cunha agresividade comparable á que despregou o cristianismo para, dunha seita residual de Galilea, rematar por impoñerse en todo o antigo Imperio, esnaquizando, a sangue e lume, séculos de culto baseado na inexorable lóxica dos elementos naturais, o seu equlibrio e a súa harmónica interrelación (é dicir, a mitoloxía). A última peli de Amenábar, Ágora, sen me ter entusiasmado, incide, creo con intelixencia, nestes primeiros tempos, nos que a seita xudea, facendo gala da máis inflexible intolerancia (eles transmitían a única verdade revelada), pretendía pasar páxina a crenzas, dende entón chamadas despectivamente politeístas, de fondísima raizame, tan fonda que todo o que a historia da Igrexa en diante tildou coa maior xenreira e impiedade de culto satánico, bruxaría e idolatría, non era máis ca a pervivencia tenaz dun sistema que divinizaba as forzas telúricas na Nai de todo, a natureza.
A editora Alvarellos vén de tirar do prelo, en coedición co Consorcio de Santiago (Apuntes históricos sobre Santiago. Obra dispersa y olvidada, 1868-1903) un interesante fateixo de vellos e ignorados papeis xornalísticos daquel gran erudito que foi don Antonio López Ferreiro, figura que, na súa honestidade intelectual e orondez clerical de chiculate vespertino, sempre me resultou especialmente simpática. Nun artigo aparecido en 1868 en El Eco de la Verdad, "El Monte-Sacro de Galicia", en referencia á transferencia do carácter sagrado do Pico dende o paganismo ao incipiente cristianismo dos tempos do bispo Sisnando, di o bo crego: los pregoneros del Evangelio debieron desde luego dirigir sus cuidados a destruir a aquel centro de superstición e idolatría y purgarlo de las torpezas que en él se hacían. Los sacerdotes del monte debieron sentir desde luego grande alarma con la venida de aquellos advenedizos que, con la mayor fuerza y energía, les echaban en cara su ignorancia y necedad, la torpeza de su culto, lo erróneo de su doctrina y la vileza de sus maneras.
Curiosamente, lembrei este revelador treito interpretativo dos modos en que historicamente se debeu ir impoñendo o cristianismo, dende unha lectura que nada ten que ver cos deliciosos textos decimomónicos de don Antonio, unha lectura que, dende outro punto de vista, me leva á consideración de que os prexuízos sempre son malos. O libro -unha edición de batalla (colección Best-Seller de de Bols¡llo), adquirida por 8 euros na área de lecer dunha autoestrada de Euskadi, onde se exhibía a carón de botellas de pacharán, guías Repsol e esponxas antivaho- é En el tiempo de las hogueras (The Burning Times, na edición orixinal, 2001), de Jeanne Kalogridis, a maxistral, amenísima e magnificamente documentada recreación dun tempo escuro en que o potro e a agonía das bruxas no lume querían silenciar, entre outras moitas cousas, unha vetusta comuñón cos elementos do universo.
Fin do post: todo no seu sitio; unha argumentación discutible pero penso que bastante razoable; unha edición de Alvarellos moi agradable e un best-seller que, contra o prexuízo, me está resultando un libro inesquecible, deses que se comezan con desgana e se rematan con saudade, xa saben.
Máis sobre o asunto.
E máis, por se está Vde. de humor.

3 comentarios:

cãosemdono dijo...

Imaxine que boa parella faría López Ferreiro con aquel bispo san Martiño Dumiense, que dende Panonia veu dar á Gallaecia tardorromana -panteísta sen remisión- para a súa desesperación, feita letra no seu De correctione rusticorum. Dous documentos separados por 1300 anos pero co mesmo leit motiv. Da que pensar, ou non?

Anónimo dijo...

Eu tamén vin o libro de López Ferreiro e descubrín que máis alá da súa condición de integrista, o arquiveiro compostelán foi un historiador e novelista de moita talla.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Pois aí teñen: San Martiño Dumiense e López Ferreiro. En efecto, 1300 anos por medio e un obxectivo común. Dá que pensar, dá!Apertas.