25.4.10

O solitude


As lindes entre ser unha persoa culta e un peidorro non están nada claras. Se eu digo que, para a mitigación das monumentais resacas dominicais da miña mocidade (que eran lóxica consecuencia de todo xénero de nocturnais excesos sabatinos), o que para outros eran as ostras frescas ou a auga de Sousas para min era a audición da canción para solista O Solitude! de Henry Purcell, corro o serio risco de encaixar para vostede na segunda das dúas categorías coas que comezaba estas liñas. Correrei, con todo, o risco fiando de que, se é vostede, amigo lector ou amiga lectora, novo por estes pagos, no anonimato purgarei a miña vaidade, e, se é vostede asiduo deste local, ben saberá interpretar, no caldo da miña tantas veces probada humildade, que o que digo non lle debera soar a pedantería:
O solitude, my sweetest choice!
Places devoted to the night,
Remote from tumult and from noise,
How ye my restless thoughts delight!
Cantas veces, e en que deplorables estados, teño escoitado, como un tépedo bálsamo de harmonía sonora, as fermosísimas palabras da poesía de Katherine Philips, que Purcell musicou! Fica xa tan pouco espazo para a soidade, temos ata tal punto sacralizado a vida social, as redes sociais, a cultura social, a socialización de todo (o coñecemento, a tecnoloxía, a ciencia...), que enviamos a soidade ao recanto das máis lamentables desgrazas : Está tan só! Vive soa, a pobriña!, dicimos con compaixón. E a soidade é tan necesaria como o aire que respiramos.
Ao cabo, tras unha erosión social de min mesmo durante tantos anos, supoño que algo debe ficar entre os multiples anacos dos papeis que desempeño: pai, amigo, fillo, marido, editor, escritor, profesor...
Momentos como este, mentres filosofo (o itálico é meu) e escribo sobre a soidade, mentres escoito (unha vez máis e non a última) os sublimes compases de Purcell, mentres contemplo a extremaunción do día nas sombras do val, serven, precisamente, para buscarme e non perderme de todo.

No hay comentarios: