28.4.10

Os sete magníficos (reitores)

Por riba (ou por baixo) de lexítimas predileccións e gustos persoais, que, coa que está caendo, haxa sete candidatos/as a reitor/a na minerva compostelá non deixa de ser significativo. Significativo de non sei que, pero significativo. Algunhas propostas de por que que haxa sete candidatos a reitor na minerva compostelá non deixa de ser significativo poderían ser:
-existe unha insalvable (insalvable?) fenda entre o que C.P. Snow, nun texto, hoxe clásico, pronunciado en 1959 como discurso na Universidade de Cambridge, titulou the two cultures , é dicir, as ciencias 'sociais' e 'humanas' fronte ás ciencias 'duras' (naturais, experimentais, técnicas...). Hoxe, cando tanto se bota man dunha artillaría terminoloxica que inclúe transferencia de tecnoloxía, posta en valor, impacto internacional, excelencia, mencións de calidade, ata o punto de mesturarse alarmantemente as lindes da universidade (fundamentalmente, unha institución de a) docencia e b) investigación, por esta orde) e a empresa (fundamentalmente, unha entidade que persegue ánimo de lucro, a base de atribuír unha certa plusvalía ao prezo de custo de calquera produto), un profesor que ensina os verbos polirrizos gregos, as fontes medievais de Lutero, as aplicacións xurídicas da Lex Irnitana ou a evolución sociopolítica contemporánea de Bulgaria, pregúntase, con moita razón, o valor que as súas ensinanzas teñen en termos de transferencia de tecnoloxía ou impacto internacional, o que xera a certa sospeita de pertenza a unha sorte de universidade de segunda división. Por baixo dalgunha destas candidaturas, latexa, secreta, arteiramente, esta fenda. Por baixo doutras, simplemente non latexa nada.
-a enorme división de puntos de vista, proxectos e políticas que reflicte a existencia destes Sete Magníficos é un trasunto de ata que punto a universidade española vive hoxe desmembrada en reinos de taifas, esmiuzada en compatimentos estancos, nos que a ignorancia do veciño chega a ser alarmante. Disto dou fe dende o priviliexiado observatorio que é un servizo como a editorial, por onde, debido ao seu carácter transversal, pasa toda a universidade. É posible que poida existir tal variedade de opcións? Non resulta un pouco ridículo? Non é, máis ben, o reflexo dunha especie de esquizofrenia multilaateral e colectiva a onde nos vai levando, pouco e pouco pero irreparablemente, insistirmos sempre nas diferenzas no canto de teimar no que todos temos de común?
-por último, e como brevísimo corolario, de todo o anterior, o gusto da peña por pisar (nalgúns casos, seguir pisando) moqueta, estar todo o día en El Correo Gallego e subir e baixar do coche oficial é un fenómeno, neste paisiño noso, digno de estudo e dunha perspicacia maior ca a do propietario desta humilde tabernucha.
Nota: conste que, pola carencia devandita, non quixen facer unha sesuda análise de política universitaria, senón, como moito, atizar o debate (en termos técnicos, tocar a paletilla, ou, como dicía meu pai, dioloteñanagloria, meter ferrete).
Outra nota: o Consello da Cultura Galega publicou recentemente, en excelentes tradución e edición, o discurso de Snow (As dúas culturas, 2009), unha lectura que lle recomendo vivisimamente, sobre todo se é vostede candidato/a a reitor/a.

3 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Asinado,
O veciño de abaixo.

P.S.: E iso que aquí só van dous, pero capaces de reunir a un variopinto número de xentes que poderían perfectamente estar colocados ao chou de calquera outro xeito sen menoscabo de nada. Iso si, un por facultade, un por partido, un por cidade, un por pór o que faga falta.
Todos para si, e a gol, porteiro.

juan l. blanco valdés dijo...

Arume: que lle parece o eslogan BLANCO VALDÉS: A UNIVERSIDADE DO REVÉS. Velle posibilidades de éxito? O malo é que penso que xa non chego a tempor para ó día 5, que, se non, me presentaba, sen equipo nin nada, total para o que ían facer...

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Con ese refrán endereitas eso. Que xa é endereitar.
A min o que me gusta de Santiago son eses miniequipos para por se acaso. Esas segundas voltas, ese paripé do claustro.