21.2.10

Unha nova locución

Mjölner é unha palabra sueca que designa o martelo de Thor. Thor e o seu martelo constitúen unha desas imaxes que expresivamente conxugan contundencia e coacción coa idea dunha autoridade perante a que non cabe réplica algunha. A tal punto entre o xúpiter nórdico e o seu mazo se establece unha relación de correspondencia, que non cabe imaxinar o deus sen o martelo nin a este sen o deus, pois, na súa función mitolóxica, deus e martelo son un, como Neptuno e o seu tridente.
Eu creo que o dedo corazón alzado na man do noso expresidente Sr. Aznar é, como o martelo de Thor ou a galleta submarina de Neptuno, un símbolo de si mesmo, indisoluble dunha bagaxe ideolóxica e dunha imago mundi que teñen aí, nese dedo alzado, a xeito de estandarte erecto, orgullosamente dirixido ao empíreo, a súa máis prístina expresión gráfica. Eu, como explorador incansable da linguaxe, debo estarlle agradecido ao noso entrañable político por ter enriquecido o léxico patria cunha locución, de ricos contenidos e vizosas derivacións semánticas, á que eu vaticino un longo porvir: el dedo de Aznar.

2 comentarios:

cãosemdono dijo...

Pois con ese mesmo dedo podería ter tapado algún dos buratiños por onde manaban "los hilitos", con perdón.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

temo que lle ían facer falta moitas mans e moitos dedos... Algo así como o Dr. Octopus, de Spiderman. Saúdos.