4.2.10

Caballeros de la fortuna


Cando un grupo de adolescentes (situémonos: A Coruña, 2010) deciden facer algo como representar Bodas de sangre do pobre Federico, alguén, deputado para tal mester na Consellaría do ramo, debía tomar boa nota e incentivar aos chavales con algunha sorte de galardón, mención de honra, bonificación académica ou estímulo dinerario. Non deixa de ter pouco mérito, ao meu modo de ver, que, lonxe de consolas, twentis, chats e descargas en liña, uns rapaces recuperen a inmortalidade dun texto escrito cando o mundo aínda era en branco e negro. Pero, ca!, neste paisiño noso, onde somos máis papistas ca o papa, un país no que hai dez anos os dereitos de propiedade intelectual eran tan respectados como as moscas no verán, a bendita SGAE pretende cobrar 95 euros a este grupo de animosos e cultos muchachos. De veras que este tan enxebre maximalismo hispánico non ten nin límite nin cura. Aquí, meus amigos e amigas, de non termos nada a termos o máis progresista, avanzado, moderno e chiripitifláutico do planeta non hai máis ca un paso. O mesmo paso que existe entre facer respectar lexitimamente dereitos inalienables e poñer atrancos, do xeito máis burdo, á comunicación e extensión da cultura.
De por parte, e como mera suxestión, creo que unha calivera con duas tibias cruzadas en x por embaixo faría un logo ideal para a nosa benemérita Sociedad General.

2 comentarios:

F. Míguez dijo...

A verdade é que xa coñecía a nova dende hai uns días, pero lendo este fragmento da galaxia, ocórrese que non sería mala idea ter feito unha colecta e poñerlle os cartos a eses rapaces. 95€ non son nada, pero arrouparnos uns a outros contra a mafia sí pode ser estimulante.

juan l. blanco valdés dijo...

En efecto, contra a MAFIA, esa sorte de Cosa Nostra da cultura, que, no nome sacrosanto de Don Diñeiro, semella non querer máis ca anquilosar o dinamismo da cultura. Un vive coa sensación de estar arrodeado de "espabilaos". Que país, carallo, que país!
(Nota: a palabra de verificación de hoxe (subrex) é francamente bonita: evoca estar baixo un Tyrannosaurus o someterse á autoridade de Juan Carlos). Pois iso: subrex).