29.1.10

Coincidencias

"Gabo" García Marquez deu inesquecible forma literaria, entre Arcadios e Aurelianos, a esa tan humana tendencia a perpetuar as calidades da nosa propia estirpe trasladando, de xeración en xeración, os mesmos nomes de pía a diferentes individuos, por se, como trasunto da homonimia, tamén as características persoais fosen hereditarias. No caso da miña tribo Blanco menudean os Germán, Mario, Segismundo, Juan, Carmen, Pedro... E tamén os Robertos. Tres, polo de agora. Entre 1891, data de nacemento do primeiro, e 1994, data de nacemento do terceiro, media un. Naceu en 1957. O primeiro Roberto era irmán de meu avó paterno. O terceiro é meu fillo. O que vai no medio, meu irmán. Curiosamente, coa homonimia, semellla que o primeiro Roberto e máis o segundo herdaron o gusto pola pluma como arma da liberdade e a integridade das persoas. Non sei que caste de inspiración tivo o meu pai o día que bautizou o meu irmán pero, polas trazas, acertou de cheo. Ao primeiro Roberto, que viviu adoecido dunha patoloxía letal que el denominou hipertensión cívica, matouno no outono de 1936 a mesma toxina de fanatismo, necedade e intolerancia que guiaron a pólvora, a mecha e o cámping gas que a outra noite estouraron cas de meu irmán. Ben o dixo Cilia: as moscas mudam, só a merda nao varia.

7 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Déalle unha forte aperta ao seu irmán e a ver se nos chegamos a coñecer algún día.
Para falarmos e discutirmos, obviamente: as súas opinións sempre resultan estimulantes, aínda que sexa, na meirande parte dos casos, para discrepar con elas.
Forza, Roberto(s).

Ángel Ruiz dijo...

Siempre he admirado a tu hermano; escribe muy bien, es brillante e independiente, y lo es de todos los partidos políticos.
Su valentía me parece admirable; yo me acuerdo de aquella vez en 2001 en que tapiaron la puerta de su despacho.
Me dio mucha rabia ver la noticia y espero que tomen medidas contra los que le atacaron.
Si puedes, transmítele mis saludos y mi admiración.

r.r. dijo...

O mesmo lle desexa transmitir un que case nunca está de acordo con seu irmán: forza e ánimo. E para vostede, como irmán, tamén.

Dous abrazos.

juan l. blanco valdés dijo...

Serán dadas as apertas e trasladados os saúdos, con moito gusto.
Ángel: un auténtico placer verte de nuevo por aquí.

Mr Tichborne dijo...

Coma R.R., non coincido case para nada co seu irmán pero este ataque paréceme igualmente repugnante e condenable. E estúpido. Como quen o perpetrou.
Unha aperta e ánimo ós dous.

cãosemdono dijo...

Únome na mesma manifestación de solidariedade co seu irmán (e con vostede, na parte que lle toca) e repudio da violencia de todos os que me anteceden.

juan l. blanco valdés dijo...

Fondamente obrigado, de novo, ás súas manifestacións de alento e apoio, as cales, dentro do trasacordo nas opinións, gañan aínda en forza e trascendencia. Nunca este país, reino antonomásico da tolerancia (que é un anexo da indefinición e a retranca), verá triunfar esta caste de terroristas de pacotilla. Apertas.