Mirar
Por moito que unha peculiar tendencia dialectal do léxico de Vigo e o Morrazo teime en contradicilo, mirar non é ver. Un efecto paradoxal da desmesurada carga audiovisual que os nosos sentidos soportan de costume é que vemos pero non miramos. A sobreoferta, efemeridade e evanescencia que caracterizan a cultura informativa contemporánea conduciron de xeito inevitable á merma, cando non á perda, das capacidades de mirar, de interpretar o que vemos, da arte de gozar co simple exercicio da contemplación, prácticas consubistanciais, creo eu, á humanidade ao longo de toda a historia.
Por estas razóns, os libros –normalmente de gran formato, encadernación en tapa dura e, naturalmente, a toda cor- que responden á tipoloxía de «guías visuais», ben da natureza, ou ben da pintura, escultura, arquitectura, etc. parécenme especialmente atractivos. Eu, polo menos, o paso como un indio, recuperando o gusto perdido da contemplación, a través da detallada explicación de estratexias creativas e simbolismos que hoxe descoñecemos ou non sabemos interpretar.
Hai un cadro que podo mirar durante horas, deleitándome co seu genius loci et temporis, se se me permite a expresión. Trátase da obra mestra de Van Eyck O matrimonio Arnolfini. Poucas veces, ao meu ver, se ten capturado con tal mestría e engado a suave atmosfera de intimidade que destilan a xove parella e o cromatismo e luz da alcoba, onde cada detalle, cada cor, cada moble teñen o seu sentido. A esquerda, no alféizar da fiestra vese una laranxa. Unha simple laranxa. Pois ben, a súa interpretación é complexa: reflicte, primariamente, tanto a orixe mediterránea dos mozos como a súa posición social, pois no século XV era unha froita cara ao alcance do moi poucos. Pero, ademais, simboliza a froita prohibida do Edén, en relación directa coa luxuria e os instintos pecaminosos, santificados, precisamente, en virtude do matrimonio.
Non é certo que somos ananos sobre as costas de xigantes?



1 comentarios:
Xa o decía Blanco Amor na Esmorga: unha cousa é vere e outra reparare.
Publicar un comentario en la entrada