1.3.10

As cancelas do falar

Teño serias dúbidas sobre un particular: ou vivo nun país de parvos ou debo ser ben listiño. Que alguén crea seriamente que, na intención de dona Rosa Díez estivo ofendernos como galegos, dun xeito tan burdo e gratuíto, é insultar a intelixencia da boa da señora, a quen, polas mostras, non vendería eu como tonta precisamente. Estou firmemente convencido, polo contexto no que a apreciación foi feita, que Díez se refería á indefinición de Zapatero, que nin sobe nin baixa. Outra cousa é a sintaxe e outra ben diferente a semántica, e aínda se me apuran outra a teimosía da señora, que semella non coñecer aquilo tan socorrido de pido desculpas a quen se puidera sentir ofendido, pero quero que saiban que nunca na miña intención estivo... et sic de singulis. Quero dicir que, en canto alguén se me alporiza falando do malísima que é Rosa Díez cos galegos e de canta xenreira implícita leva a xente dentro en contra nosa, acubillo automaticamente serias dúbidas acerca da súa intelixencia, especialmente desa intelixencia tan difícil de definir que apelidamos co adxectivo emotiva. Que se armen estas ridículas zarracinas en canto se abre a inesgotable artesa dos agravios históricos entre os íncolas desta sufrida pel de toro fala moito da nosa virulencia social e pouco da lexendaria tolerancia que, precisamente como galegos, nos define. Deixa que latriquen! Disque un ía casar en Cangas. Polo visto era a futura esposa coñecida polos seus continuos flirts, devaneos e arranxos con este e aquel. Un amigo do noivo, persuadido de cumprir co seu deber, non se puido resistir e días antes do casorio espetoulle:
-Ti daste conta de con quen vas casar, hom? Ti non ves que a Fulana (o nome da inconstante moza) vai farto todo Canjas de fodela?
Ao que o aspirante a marido replicou:
-Bueno coño, nin que Canjas fora Nueva York!

7 comentarios:

cãosemdono dijo...

Pois a min o que me fai suscitar dúbidas sobre a intelixencia da demagoga e arribista Rosa Díez é precisamente que non se lle acorde nada mellor para meterse co presidente do goberno e co líder da oposición que alcumalos ou caracterizalos cun xentilicio, o cal, como ben apuntou Ferrín, denota unha certa mentalidade arcaica, algo así como cando os historiadores clásicos falaban dos bárbaros do norde, e cousas disas. Ou non quedaramos en que "la lengua común" é vizosa dabondo en calificativos e expresións homónimas?.

De todos xeitos concordo en parte con vostede en que me parece que amosarse demasiado susceptible con esas parvadas é contrario á hixiene mental.

Juan L. Blanco Valdés dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Juan L. Blanco Valdés dijo...

Si, é ben certo que a lingua común e abondosa de cualificativos sen termos que recorrer aos xentilicios, pero tamén o é que estes perden o seu valor puramente local, pasando a un mero automatismo semántico no que non hai chisco de denigración ou valor pexorativo, creo. Traballar coma un negro, ou que a un o engañen como a un chino, ou o timo do portugués, ou chegou feito un zulú teñen tanta intención pexorativa como coño escatolóxica ou meramente sexual. En fin que, se toca que en Cangas se chora, que os vascos son brutos como arados,que os andaluces non dan pegan un selo e que o cataláns son uns tanazas, pois o que nos toca a nós é que Dios é bo pero o demo non é malo. E non pasa nada. Dío vostede admirablemente: trátase de pura hixiene mental (tómolle a palabra).

cãosemdono dijo...

Ben, pois aclarado que o tema non vai xa de susceptibilidades, senón da intelixencia operativa (ou don da oportunidade, tanto ten) de Rosa Díez e de automatismos semánticos, vóulle facer unhas diabólicas e á par socráticas preguntas, se mo permite:

1ª. Cre vostede que pronunciaría a nosa heroina en Centroáfrica ou noutro foro con nutrida presencia de subsaharianos a expresión "traballar como un negro"?.

2ª. Asistiría a nosa estratega a unha "merenda de negros", ou o medo a ser devorada llo impediría?.

3ª. Pronunciaría a nosa musa en China ou noutro foro con abondosa presencia chinesa a expresión "enganado como un chino"?.

4ª. Diría a nosa ninfa nunha entrevista en ETB ou na TVC que os vascos son brutalláns ou os cataláns cobizosos, e así lles vai?.

Síntollo ben, pero nesas expresións non hai neutralidade nen asepsia, senón ridículo vestixio de atavismos e tópicos das épocas de Nebrija, o licenciado Molina e peñita desta. Eu opino que manter contra vento e marea ese delirante determinismo filolóxico (con perdón da expresión) non é síntoma de erudición nen apego á tradición nen cousas disas, aínda que sei que hai acedos e resabiadísimo académicos de la lengua común que xamáis darán o brazo a torcer sobre este particular, como sobre outros: sen embargo, moito me temo que isto xa é puritita ideoloxía, amigos.

Todo este rollazo responde, insisto, a mero proído epistemolóxico, non a clamor de venganza pola deshonra da doncella que, por outra banda, non son.

Apertas!

Xaime dijo...

Certamente a señora Diez non tivo intención de ofender, pero ofendeu en canto non quixo pedir disculpas, e por riba aínda sigue na matrecola ela e un Arcadi Espada descoñecido

apicultor dijo...

Amigo Juan Luis, non é moi conveniente poñer a man no lume por certas persoas. O sostella e no enmedalla e aínda o acrecentalla destes últimos días por parte de Rosa Díez, amosan ben as claras o seu talante e prexuízos. E se a iso lle engadimos a Arcadi Espada como palmeiro, pois xa está feita a cadratura do círculo.

juan l. blanco valdés dijo...

Non, non, se eu non poño a man no lume por ninguén, e menos por unha señora que, a verdade, non me di nada. Xa dixen no post que a interfecta o tiña ben doado con pedir desculpas, pero semella que a súa vaidade lle pode. Eu, ao que ía, é a que me parece desmedido que se armen estes pollos por tan pouca cousa (ou, cando menos, me parecen pouca cousa a min, que non son capaz de sentirme ofendido por algo que, insisto, creo que no seu sentido orixinal quería dicir moito menos que o que logo se interpretou. En fin, que o falar non ten cancelas.