
Un, que sempre foi amigo da truculencia, atopa gusto extremoso nas lecturas máis bizarras. Levo varios días enfrascado nunha vida cotiá dos gladiadores romanos, dun tal, creo lembrar, D. Mannix (que, por certo, ten nome de galo, cousas da vida). Entre
aurigae, naumachiae, e o brutos que eran estes romanos imaxinando bestialidades pero capaces logo de chegar aos colmos da delicadeza estética, literaria e mesmo filosófica, ando tolo. O curioso é que o tal enfrascamento lector deriva dun soporte un tanto novidoso (?¿), un Invesbook, adquirido non hai moito nunha área comercial directamente relacionada coa produción e venta do
chirimbolo (
gadget en inglés). Quero dicir que, unha vez que, en lectura lúdica, o asunto
atrapa, de cinco minutos sobran catro para esquecer que o soporte non é papel, non ten esa textura á que estamos afeitos, non cheira, non se dobra, non… Tal vez o símil sexa un pouco contundente (ou acaso mesmo inxenuo), pero, ¿lembran a impresión que nos producía ver as primeiras veces a JR en "Dallas" falando galego e dicindo na caixa tonta
vas levar unhas ostias, ou
vai para o carallo? Hoxe, se a peli está ben, o soporte idiomático pasa absolutamente desapercibido.
Nun
foro, especialmente interesante e suxestivo, ao que hoxe fomos convocados varios editores en Compostela, eu declareime, en conclusión, tecnófilo-tecnófobo nunha sorte, creo, de sensato
fifty/fifty, vamos, entre Gutenberg e Kindle, como adoito dicir. A sensibilidade do editor de raza e o seu amor polo labor ben feito deben manifestarse en calquera libro que edita.
E-books incluídos.
[
P.S. Por certo, a foto é miña,
ad hoc para este post. O que se di, unha ilustración
conceptual].
3 comentarios:
Juan:
Interesante a súa entrada. Coincido no seu fifty-fifty, anque hei de recoñecer que eu pouco teño entrado nas novas tecnoloxías ao xeito do Kindle ou o Invesbook. Será porque son un pouco máis antigo, non sei, pero a min sempre me ten atraído o cheiro do papel e a visión da miña colección de libros nos andeis. Pero ten vostede tódala razón cando di que a sensibilidade do editor e o amor polo traballo ben feito debe notarse tanto nos e-books coma nos libros tradicionais.
Parabéns polo seu blog,
O Teotónio.
http://teimasdungalego.blogspot.com
Camarón que se duerme, se lo lleva la corriente, di o proverbio, amigo Teotónio. Fondamente obrigado pola (entendo que ultramariña) visita e moitas grazas polos parabéns. Saudades afectuosas.
(Nota léxico-histórico-mitolóxica: hoxe a palabra de verificación é CATTESHI, combinación fonética ben eufónica, que evoca unha escura divindade asiria).
Disimule vostede o comentario, pero gadget quere dicir, como o todo mundo sabe, "ferregacho".
Presturo tampouco está mal, pero, qué me di de "futurente"? non lle sona mellor, así como máis proactivo e dinámico?.
Saúdos!
Publicar un comentario