Eu creo que o paso do tempo vainos despoxando de tonterías e inútil lastre e, se temos ocasión para contalo (que hai quen non), teimamos naquel pensamento de Voltaire, que era un vello raposo: à force de s'occuper des choses urgentes, on oublie les choses essentielles. Teño a sensación de vivir arrodeado por xente persuadida de que dos negocios e angueiras nos que andan metidos depende o futuro da civilización occidental. Non perciben que, se despareceran, e, con eles, os seus importantes asuntos, ninguén os lembraría nin botaría en falta. A min, deste mundo de tráfagos, présas, compromisos, ambicións, vaidades, triglicéridos, síndromes de toda laia, enfermidades cardiovasculares e almorranas crónicas, quédame un kit máis ben exiguo: os meus amigos (poucos, pero gardados no recanto que, na adega, destino aos gran reserva); a miña familia (a quen, por boa fortuna, quero cada día máis -que hai quen non); a miña música; o meu xardín; este insignificante recuncho de internet onde me atopa quen me busca; os meus libros; os libros que fago e a ilusión que poño en cada un deles, como se cada un deles fose o primeiro; ver sorrir os meus; o milagro de ver este solpor de outono... pouca cousa.
Non me fagan demasiado caso. Hai días, así, tontos, que un se pon sentimental e o corazón se lle quebra por nada.
2 comentarios:
Juan, a túa entrada é contraditoria coma vida «que lle quebra a cada un de nós o corazón por nada». Para min partes dun suposto que está trabucado. Acaso esa xente que ten «angueiras das que depende o futuro da civilización occidental» non presenta un kit existencial común a cada un de nos (a familia, os amigos, o xardín, libros e música ? Acaso cada un de nós, non somos un de eles?
O único erro que comete esta xente é coidar que de eles e do seus traballos depende o futuro da civilización occidental, a nosa vida.
Este tipo de pensamento é demasiado común ós representantes da ciencia e do pensamento onde o seu traballo parece que puidera cambiar a vida da xente en cada momento. Nada máis errado, cantas investigacións científicas cambiaron o mundo? Moitas, moitas e moitas. Cando escribo estas liñas non podo lembrar todas as contribucións destes homes «sabios» ó ordenador no que escribo. Canta xente que teclea palabras coñecen os seus nomes, investigacións e feitos? Canta xente experta no medio os lembra?
«Que proveito ten o home de todo o seu traballo baixo o sol? Que foi? O que foi será. Que se fixo? O mesmo se fará; nada novo hai baixo o sol» Ninguén deles lembra estas palabras do Eclesiastés.
Non hai memoria do quen nos precedeu.
Un erro común a todos nos é pensar en traballar para que se nos lembre na vida do futuro e non para estar presente sempre en cada momento da vida que vivimos cá nosa familia, cos amigos.
Non sei si o comentario ven o caso.
Un saudo.
P.D.: Mai sé inxusto que nos lembremos dun poeta, escritor ou filósofo que nos alegra a vida cas súas palabras e non do químico, físico ou enxeñeiro quen os facilita a vida cos seus aparellos
Amigo,anónimo: o teu comentario vén moitísimo ao caso e che agradezo de corazón o contrapunto (de vista, valla o jeu d'esprit). Xa ves que o post respondía a un día especialmente melancólico, por razóns que a ninguén interesan, pero dos que menudean na vida de calquera. Sexa como for, non me refería eu tanto á nómina de excelsos investigadores e pensadores que, en efecto, fan evoluír o mundo, canto á nómina -infinitamente máis vasta- de investigadores e pensadores que cren que fan evoluír o mundo, cando, reducíndoo ao seus termos esenciais, o que fan é gañar dignamente a vida investigando aspectos e cuestións a inexistencia dos cales pasaría absolutamente inadvertida. Creo que é unha especie especialmente abundante nas universidades. Lembrarei unha vez máis a John Kennedy Toole? A marca inequívoca do xenio é que todos os idiotas nos rebelamos contra el e teimamos en non lle recoñecer condición, para el, tan evidente.
Saúdos e obrigado polo substancioso comentario.
Publicar un comentario