14.9.09

Quen gaña algo?

A vida está feita de nadas. Así comeza o poema de Miguel Portada intitulado Bucólica belisimamente musicado polo vello rocker portugués Rui Veloso. Certo: feita de nadas. Agora cremos, agora descremos. Un día é luminoso e outro escuro. Unha tempada confiamos e outra botámonos ao demo. Eu adoro este país pero, por veces, reconciliarse con el é complicado e o propio país nolo pon ben difícil. Unha visita inopinada á vila de Muxía en pleno ardor festivo co gallo da arquifamosa romaría da Barca foi unha experiencia moi negativa. A contaminación negra do chapapote, que eu gardaba nun siniestro recanto da lembranza, viuse substituída por unha maré humana fóra de todo control. Alí onde un chega planta a haima. A xente come en todas partes, mesmo a carón dos conteiners do lixo. Dorme onde Deus lle dá a entender. Pensar onde esta humanidade fará as súas necesidades e trousará o alcol engulido estremece. Porque é de notar que os bares pechan os aseos durante os días da orxía e nada hai previsto pola Administración local. As tendas de campaña e apaños para acubillarse están en todas partes: nas leiras, nas rochas, nas praias. Os coches, a miles, estacionan nos sitios máis inverosímiles. Un día a verbena dura ata as 9 da mañá (de cartel). Tres orquestras. O caso é beber ata que o corpo aguante. Apodérase dun a sensación de que a sensatez abandonou a vila e, durante tres días, se decreta unha patente de corso.
Para min o espectáculo é terceiromundista, a reflexión inquietante: que é o que media entre un fervor relixioso tan desmedido como pouco sincero e un macrobotellón de varios días e dimensións ciclópeas? Ou é que non media nada?

2 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Coincidimos no tema de hoxe. Ti aínda profundizas máis ca min. A min, xa mirando esto de onte e o da semán pasada por aquí perto de Vigo e o que recordaba da cañiza e do corpiño, púxoseme a carne de mala ostia. E aquí estou. Que veña a revolución francesa. Pero xa.

Ana Bande dijo...

entre un fervor relixioso tan desmedido como pouco sincero e un macrobotellón de varios días e dimensións ciclópeas non media nada, son a mesma cara da mesma moeda, vías de escape das pequenas miserias cotiás, pero se hai que elixir, eu quedo co macrobotellón, por suposto, prefiro o calimoño a calquera transusbtanciación, nunca entendín eu ben a química eclesíastica.