Deprimido, un amigo, catedrático na minerva compostelá -novo, infatigable e dinámico investigador, docente comprometido- confésame que o nivel dos exames de setembro dos seus alumnos non pode ser máis desalentador e frustrante: por termo medio (e honrosas excepcións hainas en todo), o problema non é só que coñezan pouco e mal os elementos da materia que profesan estudar; é -cre o meu amigo- máis fondo e, tras bastantes promocións compróbandoo, vai in crescendo: non saben expresarse ou, no mellor dos casos, fano moi defectuosa, insegura e interruptamente , cunha ausencia de solidez e coherencia que acena claramente cara a fenómenos de índole sociocultural máis graves, aos que a aceleración tecnolóxica dos soportes da información e a comunicación están contribuíndo non en pouca medida. Analicen, se cren que non é así, a calidade construtiva das mensaxes que diariamente se verten a centos de miles en facebook ou tuenti e infiran a influencia social, en macrotermos, dun xeito tal de intercomunicación.
Cantas veces nesta bitácora se teñen achegado opinións tecnófilas e tecnófobas extremas! In medio veritas, parafraseando a báquica paremia. De por parte, sigo crendo que a calidade do pensamento (e a calidade da expresión, xa oral, xa escrita, non é senón reflexo fiel da do pensamento), atopa grandes inimigos na efemeridade, evanescencia, inmediatez e absoluta falta de esforzo que imprime a hipertecnoloxía da comunicación, da que, cada vez, dependemos máis.
Cando vin por primeira un CD-ROM traspasando datos, imaxes, sons... ao monitor e altofalantes dun ordenador (e hai disto os seus bos vinte anos), intuín que a interfaz humana cos soportes da cultura estaba pechando un ciclo e abrindo outro, e que a cousa podía, co andar do tempo, revestir tintes arriscados ata o punto de influír no noso xeito de pensar (e o xeito, as estratexias de pensar evolúen e cambian cos séculos, claro). O que entón era intuición é hoxe certeza. E non porque un sexa moi listo. Estaba cantao. ¡Dios nos coja confesados!
Mais sobre o asunto.
E máis, por se está Vde. de humor.
2 comentarios:
Infelizmente, son moitos os profesores que -dígano ou non- pensan o mesmo que o seu amigo. E digo infelizmente porque é algo que se comproba cada vez máis na realidade en cada novo curso académico.
Pensar de xeito complexo e falar de xeito claro e non ao contrario. Eis a clave. Eu (e odiaría semellar catasfrofista ou melancólico do pasado) percibo que a calidade media do pensamento en España é mala. E vai a peor. Así anda o país ateigado de falabaratos e charlatáns que fan mercadoría das ocorrencias dos seus asesores (máis indocumentados aínda ca os seus xefes). Así de claro.
Saúdos.
Publicar un comentario