4.10.09

Dersu. Shagua.

Hoxe hai especialistas para todo. Apenas si fica algún recanto na inmensidade do coñecemento humano que non sexa sistematicamente explotado polo ollo incisivo do experto. Un podería pensar, por exemplo, que as relacións entre a literatura e o cine -esa cousa que, coloquialmente, se expresa en opinións banais do estilo de pois a min gustoume máis a novela ca a película (ou viceversa)- constitúen un terreo transitado só polo ditame, subxectivo e profano, do espectador-lector ou lector-espectador. Ca! Hai na universidade compostelá, para que teñan vostedes unha idea, un centro de estudos multidisciplinar especializado nas interrelacións sistémicas entre a linguaxe narrativa e a cinematográfica. Nós mesmos temos editado varios interesantes tratados monográficos acerca do particular, particular que, en realidade, constitúe unha liña de traballo perfectamente definida e ben traballada dentro da teoría literaria e os polisistemas narrativos (que é o que, no fondo, constitúen literatura e cine, novela e film).
Cantas veces non terá visto vostede unha peli baseada nunha novela! Xorde, inevitable, a comparación e a avaliación, máis ou menos crítica, das bondades da adaptación. O nome da rosa, dirixida e producida polo frutífero tándem Jean-Jacques Annaud-Bernd Eichinger en 1986, é, para min, un paradigma de respecto á obra orixinal, dentro dun universo cinematográfico que transmite -apretando en noventa minutos un exercicio de lectura extensible a semanas- a atmosfera que impregna todo o libro. E iso, creo, é o difícil: a transposición a imaxes e diálogos o que, na súa forma textual, configura unha atmosfera -luz, olor, cor, tacto, ambiente, clima, tensión...- concreta. Penso tamén en La colmena (Camus-Dibildos, 1982), outra magnífica, e moi arriscada, adaptación.
Noutras ocasións chégase á novela dende o cine. É o que me ocorreu con Dersu Uzala. Tras ver o film de Kurosawa -simplemente, unha obra de arte- lin, nunha edición de batalla que reproducía na cuberta un fotograma da peli, a novela de Vladimir Arseniev. O candoroso animismo do trampero siberiano constitúe, xa na súa forma cinematográfica, xa na raíz narrativa, toda unha reflexión sobre a condición humana e as majaderías anexas ao que chamamos "desenvolvemento cultural".
Nas antípodas literarias do autor ruso, atopo un personaxe que me trouxo inmediatamente á memoria ao vello Dersu. Nunha marabillosa novela, prodixio de horizontalidade, limpeza narrativa e anticlericalismo, El cura de Monleón, fala Baroja dun tipo viejo, raro y abandonado que vivía con una sobrina viuda en un caserío solitario y lejano. Era hombre de unos setenta años, tipo fantástico, que se llamaba Martín y de apodo Shagua ('ratón'). Martín Shagua gastaba melenas blancas, vestía muy andrajoso y dormía en una cama de hierba seca.
-¿No coméis carne?
-No, nunca.
-¿Y por qué no se pueda matar a los animales?
-Porque a mí me parece que todo lo que vive tiene que ser respetado. Los animales son como nosotros.
-¿Pero entonces hablarían?
-Y hablan a veces.
-¿Tú les has oído?
-Sí.
-¿Qué dicen?
-Se quejan cuando les hacen daño. También hablan los árboles y las plantas cuando las mueve el viento y se lamentan se se les rompe las ramas, Yo a veces los entiendo. Si corto un árbol con el hacha le pido perdón.
Velaí como, ao conxuro dunha evocación persoal, se mesturan universos literarios tan, en principio, dispares. Maxia dos textos e os camiños a que os conducen os seus lectores!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Dersu Uzala, unha obra de arte das grandes. Incomparable.
En canto ao da literatura/cine, perguntáronlle a un tipo se vira a última edición do dicionario da RAE, e dixo el: "Eu, ata que non quiten a peli..."

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Superbe! Grazas pola reveladora e hilarante anécdota.