24.5.09
TDT Prayer
Un amigo fiel destas páxinas, el mesmo propietario dun máis ca interesante local, faime chegar o folleto publicitario de certo establecemento no que se inclúe un sintonizador de TDT de sorprendente denominación comercial: o TDT Prayer, é dicir o tedetepredicador, ou, aínda mellor, o telepredicador dixital terrestre. Ao fío das cábalas sobre as potencialidades de tan curioso aparello para a salvación das nosas almas, manifesta o meu amigo non querer ferir sentimentos nin susceptibilidades relixiosas ao publicar un comentario ao respecto no seu blog. Non vexo por que debera ser así. Ben en troques, creo que é un exercicio de elemental ecuanimidade que a bitácora dun agnóstico, como quen subscribe, recolla os últimos avances en materia de ciberrelixión. Resultando, ademais, que a publicidade do establecemento en cuestión se fai en perfecto e normativo galego (tan radicalmente enxebre que se rotatiza o l de player) xórdeme unha dúbida razoable, que é, ao mesmo tempo, unha ilusión: será que ao prender o TDT Prayer e sintonizalo como Dios manda (nunca mellor dito), o cacharro conecta directamente co padre Isorna?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
3 comentarios:
Não, como sigamos así a coisa será máis terrible: co catecismo do padre Astete, gracias á intermediación inefable da El Mundo Televisión, Intereconomía e a COPE.
Os máis afortunados poderán dar gracias por poderen visualizar ó neno telepredicador peruano botando escuma pola boca.
Si, fai lembrar eses exemplares (algúns verdadeiras alfaias) do espuminglis de Goma Espuma: un que lembro era
Que mala suerte: Burns the luck (literalmente, 'quema la suerte').
Saludos.
Publicar un comentario