12.5.09

Fútbol

Nunca tiven unha relación estable co fútbol. De neno, como calquera neno, gustaba de xogar á pelota, claro. Pero xogaba só. Adoitaba ir a un solar que había preto da casa a arrearlle patadas a un balón de reglamento que tiña, e é de notar que nos anos a que me refiro (anos a. D., é dicir antes de Decathlon), un neno apouchaba cun balón toda a infancia. Lembro que ao principio o balón de reglamento era vermello, con pentágonos regulares limitados polas negras costuras. Logo, co uso, o vermello foise e o balón virou a un ton amarronado de pelexo pobre. Deduzo, das miñas tardes en soidade naquel descampado —e tamén da miña actitude fuxidía sempre que se organizaba algún partido na escola—, que se ía acrisolando na miña conciencia que o meu non era, nin sería nunca, o fútbol.
O fútbol nos anos do tardofranquismo deveu unha impronta social característica: a esquerda e, en xeral, a oposición ao Réxime adaptou o argumento marxista para denigralo como o opio do pobo, ou, se se quere, un opio máis co que a ditadura aborregaba o españolito. Existía, nas elites máis intelectualizadas do país, unha inferencia implícita entre fútbol, incultura, alienación e adhesión implícita ao Réxime, de xeito que —sexa porque así era en efecto, sexa porque así o percibía eu daquela— lembro eu do meu instituto que sempre a xente menos comprometida con todo, máis badanas, bibliófoba e mesmo de peores cualificacións eran invariablemente fanáticos do fútbol. Aínda estou vendo a un tan lacazán, que por non cansar apenas levantaba os pes do chan, o maior esforzo diario do cal era ir a la de Rosarito —o único quiosco da vila de entón— a polo As.
Co paso dos anos, e por ironías do destino que todo o revolve e en todo estroupelea, acabei na directiva de certa humildísima sociedade futbolística -militante, supoño, na categoría de máis abaixo- formada na súa maior parte por unha porción de farsantes que así pasabamos as tardes dos domingos, segmento temporal que é paradigma, onde os haxa, de noxo e aburrimento. Entrar nos vestiarios daquel glorioso equipo antes do match era arriscarse a saír colocado, a punto tal apestaba a porro. Para completar o cadro, menudeaban tamén os quintos estrellagalicia. Non se explica como algún dos xogadores se tiñan en pé cando saían ao campo, dos colocóns que atrapaban. Outro dos divertimentos aos que había manifesta inclinación nestas sesións vespertino-dominicais, canonizado por anos de herdanza social, era insultar o árbitro. O noso presidente era un virtuoso na materia. Podía botar na banda vinte minutos reclamando a atención do pobre colexiado ata que este, farto de tan impertinentes solicitudes, lle preguntaba que quería. Entón o presidente espetáballe:
-Pareces fillo dunha cadela brava, me cago en tu puta madre.
Unha vez que era temporada de caza e soaban os tiros por alí cerca, o presi chamou polo árbitro e lle dixo:
-Árbitro, aí che veñen!
Está por escribir a sublime epopea destes árbitros das categorías modestas e o seu emocionante amor polo balompé, pois, non existindo aliciente económico algún e, por riba, poñendo cada domingo en grave risco a súa integridade física perante un persoal de natureza humana limitada á bipedestación e a linguaxe articulada, non cabe atribuír outra orixe á súa desinteresada devoción. Na artesa das anécdotas gardo, ao respecto, algún exemplar delicioso, que debo á xenerosidade e boa memoria dos amigos. Aí van dúas pérolas cultivadas.
1. O árbitro sácalle cartón amarelo a un xogador co conseguinte cabreo e expresión de enfado e carraxe deste. Entón grita un desde as bancadas:
-Sácalle a roxa, que sabe dios o que está pensando!
2. O equipo local de certa vila suroriental tiña un seareiro especialmente violento que, domingo tras domingo, dirixía intolerables e vociferantes invectivas aos colexiados, con especiais lembranzas—como manda a tradición— á proxenitora e á orientación sexual destes. Decidido o organismo federativo competente a atallar as actuacións do energúmeno, condenou á directiva do equipo a prohibirlle a entrada ao campo por prazo de varios meses, rematado o cal, o primeiro domingo de asistencia do exaltado tifoso todo eran cábalas e mesmo apostas sobre se sería ou non capaz de conterse. O partido transcorría con total normalidade, o noso home calado como na misa, e semellaba que irían ao traste as predicións dos que aseguraba que non se podería aguantar. Pero, chegado o minuto 89, o colexiado sinalou unha falta. Niso, o fulano ponse de pe, vai para a banda e chama ao árbitro en alta voz, entre o expectante silencio de todo o campo. O árbitro mira para o tipo, e, en actitude chulesca e de superioridade, lle pregunta qué? e o outro dille:
-Feo!!

4 comentarios:

Anónimo dijo...

"Sácalle a vermella, que sabe Deus o que está pensando" é pra matrícula de honor do seu blogue. Na vindeira edición dos premios AEG, gana sen baixar do autobús, coma dicía H.H.
Parabens.

Anónimo dijo...

É ben certo. Eu téñolle amigos futboleiros, deses que pasaron tardes e tardes de domingo vestidos de curto por campos que eran lameirales, e poderían estar durante días contando anécdotas (sácalle a roxa... é das mellores que teña escoitado na vida). Coñézolle tamén a un árbitro que as ten para dar e tomar.
Fútbol es fútbol. E ao carallo.
Eu lembro unha no campo do Celta, hai ben anos, co meu irmán e as mozas. Xogaba o Athletic. Ao fío do descanso (linguaxe futboleira) o trencilla sinala unha máis ca dubidosa pena máxima a prol do Athletic. Gol de Sarabia. 0-1. Durante todo o descanso, e ata que quedou sen voz, tivemos a un tipo vello detrás co neto sentado no colo berrando un mantra que, malia os anos pasados, inda resoa na miña cabeza: "aaaaaaaaaarbitro, fillo de puuuuuuuuuuuuta, tiñas que beber sulimaaaaaaaaaaaado (sic)".
PD: A ver se hoxe hai penalti a prol do Athletic. Ou dous. Ou tres, mecájina. Brindarei con sulimaaaaaaaado.

arume dos piñeiros dijo...

Este anónimo e máis un servidor foron pitados polo grande Evaristo Puentes Leira. Xa de pequeno, digamos dez anos, amosaba intención de ser árbitro. Era alucinante. Xogar non xogaba nada, pero de árbitro era impresionante. Foi collendo autoridade (con pouquísimo tempo e moitas hostias polo medio) ata chegar a onde chegou.
Un célebre novelista galego da miña quinta era porteiro do Lemos: el pode contar que lle tiraban os siareiros nos épicos partidos de rexional (nacional, segundo os casos) preferente. Ten agora un museu de transistores.

Iacobus Von der Stein dijo...

Só quén interprete e entenda o noso idioma profundamente sabe o grande insulto que o Caneda lle chamou a Jesús Gil y Gil: Calamidá, que eres un calamidá.
Xenial.
Ve, D. Juan cando non fala de música o seu bló ten moitas máis entradas. Noraboa.