Xa teño eu comentado nalgunha ocasión algo sobre os meus hábitos de lectura. Unha destas manías, probablemente a de raigame máis fonda, é a de simultanear a lectura de dúas ou tres cousas. Son un caso patolóxico e declarado de infidelidade lectora e preciso dun serrallo de libros onde, coma o sultán en práctica máis carnal, ir picando aquí e alí segundo o día, o gusto ou a inclinación do momento. Sendo, ademais, como xa declarei nestas páxinas, nictilector e somnívago, na mesilla de noite as moreas de libros compiten por veces en altura coa lámpada coa que conviven en cordial entente.
En ocasións, non moitas, esta condición de
picalibros (por analoxía co máis común vocábulo picaflores), conduce ao simultaneo de textos sutil, case sibilinamente relacionados. Vexamos.
Como, supoño, a moita xente, a figura de Cela, CJC, inspírame un pensamento dobre: por unha banda, unha certa antipatía persoal ―escuras manchas no seu pasado, a súa actitude tépeda e equívoca coa ditadura, unha vaidade e prepotencia inatinguibles, o rollo un pouco cáncamo e verderolo da súa vellez…― combinada coa convicción de estar perante un narrador simplemente excepcional. Só por
La colmena,
La familia de Pascual Duarte e
Viaje a la Alcarria, polas tres xuntas ou por calquera delas, merecería sobradamente o Nobel. Calquera das tres constitúe un imprescindible, un deses vinte ou vintecinco libros que decididamente salvaría eu da queima. O
Viaje "clava" a cotidianeidade dunha España de posguerra que comezaba a aprender a dura, durísima lección do esquecemento e a desenvolver as habelencias da desmemoria necesarias para seguir adiante. A peripecia viaxeira do protagonista, desenvolta en xuño de 1946, coincide, máis ou menos no tempo, coas historias que narra Alberto Méndez en
Los girasoles ciegos, colección de catro relatos que eu lin hai xa tempo, de recente novidade por mor dunha
película de estrea, e á que volvín hai días, en curiosa, aínda que involuntaria coincidencia co relato celiano. Este,
Viaje a la Alcarria, é un libro amable, destilado no cómodo conformismo dun vencedor. Aquel,
Los girasoles, é un libro triste, magnificamente escrito por man dun extraordinario, e malogrado, narrador pero tristísimo, unha antoloxía de medos e escuras certidumes, un testemuño violentamente humano e definitivo sobre a derrota, a fin de toda esperanza e a crueldade vesánica dos vencedores.
Teño agora unha sensación estrañamente dual, algo como observar a mesma casa no verán luminoso e no ingrato inverno ou o pouso un chisco acedo que fica no padal cando rematamos de beber algo que supoñiamos máis doce. É o que ten andar picando.
5 comentarios:
Viaje a la Alcarria foi un libro do que gustei moito, alá nos tempos nos que me ía formando como lector. Comparto a súa predilección, amigo Juan Luis. Quizais deba relelo, eu, que son pouco amigo das relecturas.
Nesto de picar, que lle vou a contar eu que sempre levo no maleteiro unha media de...mellor calar...moitas veces me pregunto si teria a casa ateigada de parafusos no caso de traballar nunha ferraxaria. Eu gosto de ler moitos libros a un tempo, non vexo o problema. É coma falar con varias persoas tomando unhas cañas, un poeta por aquí, unha filósofa por alá, unha relectura coma a que vostede amablemente nos lembra. Non entendo a teima de tanta xente de ler un só libro de tirón ata rematar, será que cada vez son menos os libros que non se me caen das mans. Apertas!
Eu recoñezo que non son de moitos a un tempo (aos libros, refírome, obviamente). Recoñezo que o fago con un par, non máis, por iso de ter dúas expectativas abertas, que sempre é moi estimulante.
Son, si, de relecturas. Entre as obras sobre as que teño volto, están algunhas das de CJC, polo que sinto algo moi semellante ao que Juan Luis manisfesta no seu post. E unha que me chama cada certo tempo é O Principiño. Ás veces non para relela ao completo, senon para volver sobre frases que retiven por unha ou outra razón.
Saúdos e bo día!
Eu, sen embargo, nunca atopei nada extraordinario no contiño de Saint-Éxupery. Cuestión de estilos. De gustibus non disputandum. Api: volva, sen dubidalo, ao Viaje de Cela. Téñoo por un dos produtos máis deliciosos xamais escrito en castelán. Volva. É unha orde!
Apertas, bicos e todas esas cousas.
Volverei logo á vella edición amarelenta da colección Austral, Juan Luis. Os seus desexos xa sabe que son ordes para min (dentro dunha orde).
Saúdos.
Publicar un comentario