3.7.08

Libro-lixo

A edición vive hoxe tiranizada por unha feroz competitividade e a permanente obsesión polas cifras de negocio, o que, como se ten sinalado por plumas máis conspicuas ca a deste humilde blogger, de xeito inevitable socava o seu alicerce basicamente cultural. Dentro dun panorama tal, son cada vez máis frecuentes os esforzos por invadir o terreo da edición co que, facendo un calco de tele-lixo, podemos bautizar como libro-lixo. Eu xa me referín hai tempo á actitude serea, sincera e ausente de prexuízos coa que me armei para iniciar a lectura de Villa Diamante, finalista do premio Planeta 2007, o seu autor Boris Izaguirre. Ben. Lin o outro día no suplemento "Culturas" de La Voz de Galicia, unha crítica que comezaba recollendo a cita famosa do máis famoso dos Marx Brothers (non, non é Karl): a TV é un forte elemento culturizador. En canto a encendo, busco un libro e a apago. Co libro de Izaguirre, e por moito tele-lixo que boten, paga a pega seguir coa TV acesa.
O caso de Eros, Thánatos y su puta madre do gurú do tele-lixo Javier Sardá (Planeta, 2008) está exactamente no mesmo caso. Trátase dunha unha desafortunada —esperemos que a primeira e a última— incursión de Sardá nun oficio, o de escritor, que debera respectar un pouco máis. É a cultura editorial do pelotazo; o cameo levado ao mundo do libro; unha subliteratura destinada a un público que no fondo, o propio autor e os editores desprezan, lobotomizado polos medios e disposto a tragar o que lle boten, con tal de que o márquetin funcione e os elementos sexan os esperables: unha procacidade ilimitada e unha absoluta falta de desprezo por todo (cfr. o mesmo título do libro) disfrazada de desenfadada iconoclastia. Na presentación do libro participou Carlos Latre imitando a non sei quen. Poden vostedes imaxinalo…
De por parte, eu son un extraterrestre, un friki, un inadaptado, un tío raro, un selenita. Con dicirlles que estou lendo o Teatro escogido de Schiller! Deleiteime con Xoana de Arco. Agora estou con Tell. É con textos así como un entende, no seu pleno e sublime sentido, o adxectivo inmortal. Con libros como os de Sardá, tamén.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Concordo, amigo Juan Luis, en que é vostede "un extraterrestre, un friki, un inadaptado, un tío raro, un selenita".

Pero non por ler o Teatro escollido de Schiller, senón por porse a ler os libros (sic) de Izaguirre e Sardá. A quen se lle ocurre! :-)

Un saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo Api: hai que vivir aberto a todo xénero de fanatismos. Faise misa en calquera recanto.
Gústame especialmente o sic de libros. Non se me tiña ocorrido; dá xenio con vostede.
Apertas.

donagalaica dijo...

Amigo Juan Luis:
alguén dixo algunha vez, adaptando o dito popular, que o importante é ler, aínda que sexa mal.
Non concordo, por suposto. O que me segue sorprendendo é que importantes editorias e desprestixiados, a estas alturas, premios literarios, dean pábulo á máis absoluta desfachatez. O Sr. Sardá ten ese don de converter en lixo todo o que toca, crendo ademais que é un "elixido" polos deuses da sabedoría, capaz de rir de todo dios, especial e precisamente daqueles que no eu día o ergueron á categoría de mito televisivo. Eu non sei se vostede ten visto ese programa que fai agora en non sei que canle privada, Diutifrí, no que elixe a un personaxe máis ou menos coñecido para percorrer unha cidade. Extráñame que se teña prestado a tal espectáculo xente como Serrat -amigos ten, por descontado-.
Non me deu por ler nin a Boris Izaguirre nin a Javier Sardá, pero concordo co seu comentario, pois para falar hai que saber primeiro de que, mais creo que eu non serei capaz de contribuír a que estes escritorzuchos de baixa estofa enchan máis os seus petos.

juan l. blanco valdés dijo...

Non, querida amiga, a verdade é que non coñezo ese enxendro televisivo do que fala, pero, polos antecedentes, e o o seu grato panexírico podo doadamente imaxinalo.
É o que hai. Supoño que todo podía ser aínda peor (malia ser difícil imaxinalo).
Saúdos cordiais.