29.6.08

O extraordinario mérito de moitas cousas que ninguén recorda

Nun clima sociolingüísitco como o que no día se vive neste verde recanto ―clima moi parecido ao das clínicas para insáns e orates (remítome ás probas)― o malo de celebracións como o Día das Letras Galegas ­que, por mor da inercia e unha tendencia inevitable ao reiteramento, cada vez máis ten menos cousas boas e máis malas­, é que converten á figura do homenaxeado nunha sorte de intransixente adaíl do lume sagrado da lingua, facéndoo incontestable partícipe das opinións do sorprendente batallón de críticos e especialistas que nun par de meses xorden de non se sabe onde e que, nun contexto radicalmente diferente ao orixinal que viviu o galardoado e mercé a unha curiosa transferencia, non se paran en barras á hora de atribuírlle a este opinións, pareceres e, aínda, estatutos ideolóxicos completos propios do crítico ou estudoso en cuestión. Claro, isto é posible, entre outras cousas, porque, dadas as bases para a elección do homenaxeado, malamente vai poder este respostar.
Nun acto de presentación sobre un dos innúmeros libros adicados este ano á figura de Álvarez Blázquez, certo especialista en uso da palabra, tras os encomios e panexíricos de rigor, lamentaba a frecuencia con que nos últimos anos as Letras foron recaendo en autores bilingües, inferíndose implicitamente de tal razoamento que don Xosé María fora un cultivador monolítico da doce lingua de Rosalía. Ignoro que falaría no seu círculo privado. Pero si sei que foi un extraordinario cultivador literario do castelán, tendo acadado significativos niveis de excelsitude e clasicismo. Para mostra un botón. É o prólogo a un libro:

La curiosa misiva que hoy damos a la estampa estaba destinada a ser pasto de las llamas, si se hubiese cumplido el deseo de su autor, expreso el hoja preliminar. Pero era tal el encanto de su vívido relato, tan donosa la historia, tan aguda la sátira, que el destinatario tuvo el buen acuerdo de desoír su ruego, rechazando el sacrificio.

Fue así cómo, pasados más de doscientos años, vino la carta a parar a nuestras manos, si bien lo que el fuego no había osado lo intentara después un taimado felino, arañando y mutilando los folios de tal modo, que se diría del gato en cuestión «émulo de la llama», y no por el color precisamente. Estas mutilaciones y desgarraduras nos privan de conocer en su integridad el nervioso relato de una aventura, pintoresca, acaecida en aguas de la ría de Vigo, allá por el estío de 1727.


O texto, como dixen, un limiar, é a presentación da exquisita edición ―de 151 exemplares numerados [o meu é o 77] e compostos a man en tipo elzeviriano― dunha historia bizarra e dezaoitesca da que, por non ser prolixo, outro día falaremos: a de don Jacinto de la Peña y Vázquez, mozo barbián de hidalga estirpe gallega, flamante licenciado en Teoloxía que rematou dedicándose a contrabandista de pólvora, historia que, en forma epistolar, Álvarez Blázquez recolle en Carta de las Gandumbas (Vigo: A Roda dos Cento Cincoenta e Un, MCMLXVI).
Toda visión excluínte e unilateral é, de seu, mala, do que hai manifestacións abundantes. Na miña opinión, exaltar nun día concreto a condición gay inclúe implicitamente unha certa dose de desprezo á condición het. Reunirse en monstruosas festas moteiras ten un pouco de recoñecer o especial que resulta ter unha moto, mentres que non tela sume ao individuo nun océano de mediocridade.
É magoa que, neste ano, ninguén teña lembrado La carta de las gandumbas. Por algo será.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

A gran maioría dos persoeiros aos que se lle teñen dedicado o Día das Letras foron escritores bilingües.

O que non é de recibo é ocultar tal circunstancia. Poderíase matizar, explicar ou contextualizarse, pero ocultala non. Por desgraza, iso é o que se adoita facer.

Un saúdo, Juan Luis.

juan l. blanco valdés dijo...

É o que eu digo. Hai un perverso aggiornamento de intolerancia e radicalidade lingüística en figuras literarias que en absoluto participaban de tal unilateralidade. Pero en fin... é o que toca (mentres dure).
Obrigado, Api, pola visita. Ultimamente, botábaselle en falta.