16.6.08

Indixestión

Tiña eu un gato que se lle enchía moito o comedeiro do pienso que comía, desganábase e o aborrecía. Supoño que se trata do mesmo efecto que na psicoloxía de xentes máis ben sobrias, coma quen subscribe, produce a babilónica oferta de certos banquetes nupciais de estirpe máis ben rural desenvolvidos en restaurantes obviamente coaligados cos fabricantes de bicarbonato e tisanas dixestivas: perante o abismo da bouffe que agarda aos circunstantes, eu deixo de ter fame aos dez minutos de sentar, e sen ter sequera engulido o aperitivo (dito entre parénteses, hoxe xa saben que o se leva hoxe entre gente fina é pasar fame a base de reducións, volováns, caramelizacións e sopletes servidos en platos cunha relación de continente a contido de 10 a 1, pero este é outro cantar).
Entrar hoxe nunha libraría media, que vaia para alén da mera papelería ou quiosco, é un exercicio de hartazgo semellante. Ben se sabe que os extremos se tocan. A sobreabundancia produce o paradoxal efecto da escaseza: diante dunha oferta tan desmedida, e a non ser que vaïamos a tiro fixo, sentimos tenderse sobre nós unha pátina de horizontalidade e ausencia de matices, unha desazón semellante á de quen entra nun gran museo e apenas ten dúas horas para visitalo, o desasosego de quen non ten tempo nin, probablemente, coñecementos abondos para catalogar, clasificar, avaliar, etiquetar e preparase a dixerir nin a décima parte do que os andeis do establecemento, abusóns e chulescos, nos ofrecen. Sempre, por outra parte, achei algo de indigno en ir a tiro fixo a unha libraría, coma quen vai mercar zapatos ou unha bolsa de deporte. A emisión do humilde pedido dun libro concreto diante do libreiro devén unha sorte de insulto a tanta riqueza, a tanta cultura, a tanta inmensidade como acumulan as súas estanterías, unha autoinculpación de indefendible limitación e desinterese fronte ao inatinguible coñecemento atrapado en tantos milleiros de páxinas desexoso de se inocular nun novo hóspede.
Non saben qué frustrante me resulta, tras corenta e cinco minutos, saír coas mans baldeiras dunha libraría. Ao mellor son moi esixente. Ou máis ben raro. Tamén, cada vez teño menos sitio para libros. Se cadra, coa que está caendo, voume facendo máis remiso a destinar cartos para libros. E iso que, como me lembran os meus fillos (cando lles convén, claro, e teñen algo in mente), na miña opinión comprar libros non é gastar, é investir.

2 comentarios:

donagalaica dijo...

Hai praceres que non teñen prezo e hai cartos que investidos en certos caprichos/necesidades, como pode ser un libro desexado ou atopado por marabilloso azar, sempre se dan por ben gastados.
Eu, que adoezo sempre de présas incontroladas, perdín o costume de pasar horas outeando para os andeis das librarías, agardando a que un título chame por mín. Facíao antes con grandísimo deleite e case nunca saía coas mans baleiras.
Iso si, agora que parece que hai que apretar o cinto, igual non é moi boa idea expoñerse a tentacións.
Veremos que pasa. Tiña eu -e teño por fortuna- un curmán que nas noites de troula, cando eramos algo máis novos, dábase ás reflexións profundas, inducidas, todo hai que dicilo, pola inxesta de respectables cantidades de alcol. Lembro que fose cal for o obxecto das súas cavilacións, que sen dúbida esquecía ao día seguinte, transmutado novamente en pintor de brocha gorda, entre titanlux e cinta de carroceiro, remataba o seu discurso sempre coa mesma frase: "Aínda está por demostrar onde está o límite de resistencia do ser humano".

juan l. blanco valdés dijo...

O seu curmán, querida amiga, era un filósofo de talla. Ese límite que buscaba, simplemente non existe.
Estou, por outra banda, persuadido de que, en efecto, as mellores lecturas son case sempre produto de trouvailles inopinadas. Como todo, aquilo que está moi preparado case nunca resulta.
Transmita, por favor, as miñas saudades ao seu curmán e préguelle que insista no cultivo da filosofía nicto-dipsómana (a única auténtica; coñézoa moi ben).