20.6.08

Clocks

Moi arriscado, por non dicir imposible, resulta facer unha anticipación dos camiños por onde nos vindeiros anos nos vai levar a tecnoloxía. Vendo o que levamos visto nos últimos dez anos, pode ser calquera cousa; as prestacións do pequeno celular que me deron hai uns días fan palidecer como unha sorte de obxecto neolítico ao que adquirín non hai ben tres anos. Como afirmaba no meu comunicado anterior, o malo desta voráxine hipertecnolóxica na que habitamos é a crenza de termos vivido sempre así. Contan que, tras moitas horas contemplando o filamento milagroso que despedía luz, un dos acompañantes de Thomas A. Edison, case vencido polo sono, afirmou: Dende hoxe nada será igual no mundo. Sequera propoñerse avaliar as consecuencias socio-culturais da luz eléctrica na humanidade dá dor de cabeza. Algo así ocorre con internet ou a telefonía móbil. Están en todas partes, omnipresentes nas nosas rutinas, e resulta intolerable a idea de prescindir delas. Algúns efectos individuais son especialmente importantes, á hora de imaxinar proxectalos en efectos sociais. De repente, un descobre que leva almacenadas no celular fotos de hai tres, catro anos e o trebello devén automaticamente unha máquina de melancolías, un álbum de momentos inopinadamente captados, coa nonchalance non de quen fai uso dun cacharro especificamente deseñado para facer fotos senón de quen conxela un instante por non ter mellor cousa que facer valéndose dun cacharro que, de entrada, serve para falar a distancia.
Google, pola súa parte, é unha trituradora de mitos. Estou escoitando, non sei, a Focus ou Deep Purple, mitos construídos na idade na que se se fan esas cousas e un ten virxe e co depósito a tope a capacidade de gozar das cousas. Escoito a guitarra exquisita ou desgarradora de Jan Akkerman ou Ritchie Blackmore; deléitome ata o estremecemento coas teclas sublimes e a sublime harmonía de Thijs van Leer. Google, terrible big brother, omnisciente oráculo que dirixe o seu ollo escrutador a toda parte, excítame a volver terra, sangre e carne o mito. Tecleo thijs van leer e pincho en imaxes. Contemplo cen, duascentas fotos dun tipo gordo, pequeño, vello. Ritchie Blackmore, a quen lembro saltando coma un pura sangre pegado á súa enerxética Stratocaster nos impagables concertos de Xapón, é un xubileta con cara de mala ostia. Akkerman está calvo, fondón.
O meu móbil e Google son clepsidras nas que un pon a cantidade de area que quere. Son medidas do tempo. Por se non o tivesemos xa abondo medido.

2 comentarios:

donagalaica dijo...

Dios, que crueldade!
Algo semellante ocorre cando coñeces a alguén incialmente a través dunha conversa telefónica.
Ocorreume nunha ocasión que, por motivos de traballo, tiña falado en numerosas ocasión con un individuo e chegou a hora de encontrarnos cara a cara. Eu imaxinara un adonis e cadrou que quen modulaba aquela voz seductora era un homico pequeneiro e redondo, case se pelo... en fin, non sei que ilusións se tería feito el, se algunha se fixera, quedaría igualmente decepcionado, aínda que non lle atribúa eu cualidades feiticeiras ningunhas ao meu timbre vocal. Bueno, eu que sei, igual até mellor que aquel home non tivera sido o que eu imaxinara, por iso de evitar tentacións. A xornada foi produtiva e, por que negarllo, o tipo era moi divertido.

juan l. blanco valdés dijo...

Hai que ter un enorme coidado coas citas a cegas e, en xeral, coas ideas preconcibidas que a voz tende a xerar sobre as persoas. En revanche da súa significativa anécdota, pódolle asegurar que cheguei a sentir unha paixón case morbosa por certa locutora radiofónica de voz envolvente, cálida e sensual a máis non poder... ata que a coñecín. Miña nai querida, macho! (que diría Tucho). Saúdos.