1.12.07
Eles
O meu querido amigo, infatigable e desinteresado animador cultural e erudito de tantas cousas, Juan Andrés Fernández Castro —director do anuario A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural, que este ano, por certo cumpre dez anos e que eu me honro en coordinar editorialmente— publica precisamente no volume 10 da revista unha primeira cala sobre un fondo fotográfico excepcional, recentemente doado ao Museo estradense. Constituído por máis de 28 000 negativos (que se di pronto), a maior parte dos cales chegou en lamentable estado debido a adversas condicións de almacenamento, o fondo débese ao talento innato de Celestino Fuentes, nativo da freguesía ullá de Oca —de sona polo pazo dos Camarasa— onde naceu en 1918 e faleceu en 1987. Foi alumno don Celestino de Pedro Brey, mestre e fotógrafo da mesma parroquia —tío carnal, por certo, do dirixente popular Mariano Rajoy Brey—, de quen acaso herdase o gusto pola arte fotográfica, a técnica da cal foi depurando co paso dos anos.
Poucas cousas énchenme da emoción que transmiten as olladas destes fotógrafos de pueblo. Coñecidos son xa os catálogos de Pedro Brey (con introdución do magnífico especialista en historia da fotografía galega, Henrique Acuña) e o adicado a Virgilio Viéitez, de Forcarei —case paisano—, tras unha impresionante exposición no Museo do Pobo Galego con obras que exercían un magnetismo inexplicable sobre o espectador. Da humildade con que executaban o seu traballo en festas, bautizos, comuñóns, vodas ou sepelios á sublimidade que hoxe lle atribuímos hai tan só un treito de tempo —e nada como tempo para dotar de nobreza e dignidade ás cousas— e o recoñecemento implícito do amor co que a súa mirada tinguía todas as escenas, rostros e paisaxes inmortalizados polo obxectivo, capaz de conxelar un intre para a eternidade.
A foto que dá sentido a este post evócame un fermoso poema de Manuel Álvarez Torneiro, "Eles" (de Luz de facer memoria):
Chámanse Claudio, Pedro,
Esther, Virxinia,
Rosalía, Fidel, señora Amalia.
Segan herba.
Teñen perto os seus mortos vestidos de domingo,
E a pomba grande da pobreza pobre.
[…]
Chámanse Elías, Belisardo, Estevo,
Esperanza a do souto,
Victorio, Aurora, a da casa grande,
Inés, a tola dos catorce anos,
Balbino, o de máis sona entre os cesteiros,
Marcial o mudo…
Un campo terminal dálles sentido.
¿Qué devoción pedirlles?
¿Qué urdime de cantiga ou resistencia?
¿Cómo medirnos con medida humana
sen eles?
Etiquetas:
cousas nas que anda un,
lembranzas e reflexións,
sociedade
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
4 comentarios:
Remítalle un afectuoso saúdo a Xoán Andrés da miña parte, unha persoa excepcional por moitos motivos.
Que lle digo: saúdos de parte de Apicultor? Saberá de quen se trata?
Saúdos.
Non, non saberá quen son. Pero así o saúdo ten máis mérito, porque non espera nada a cambio.
Moi boa e meritoria a revista, por certo, que recibo puntualmente.
Un saúdo.
Serán dados, non se preocupe.
Publicar un comentario