31.5.16

España va bien



Un amigo meu moi espelido cre que España vai de mal en peor dende que certo expresidente do Goberno, pequeneiro, bigotes e repunante, tivo a feliz ocorrencia de afirmar que España va bien. Aquela simpleza, dita polo máximo mandatario do país e cacarexada polos medios de comunicación ata aburrir, callou no imaxinario popular como un mantra na mente dun yogui e foi orixe de males sen conto, entre eles nomeadamente abrir a espita ao derroche máis impúdico, e daqueles ventos estes lodos. Un derroche que, se acadou sublimes cotas nos diñeiros públicos, afectou tamén ás economías individuais e familiares, pois como España ía ben, o españolito medio acabou por crerse o rei do mambo. O banco emprestaba, o cliente asinaba e, entusiasmado, mercaba o bemeúve e a presumir, pero un bo día, cando a burbulla estoupou e cedeu o enganoso espellismo, se decataba de que ou comía ou pagaba as letras do ‘haiga’, ao que, faltando os cartos, miraba como quen mira a porta do quirófano dende a camilla. Eu lembro unha inmobiliaria ben coñecida que, coa sinatura da hipoteca, agasallaba ao asinante cun Seat Ibiza. O último que souben da tal inmobiliaria é que o seu fundador-propietario está no talego.
Como España ía ben, a economía era unha barra libre onde cada quen se servía ata poñerse malo sen caer na conta de que alguén tería que pagar, ou si ou si, as consumicións. Unha noite de hai ben anos, cunha moza que tiven de nación xermana, saímos na cidade baixosaxona onde viviamos a tomar unha copa acompañados dunha amiga dela. Eu, facéndome de galán, paguei a copa de todos tres. Ao día seguinte, a amiga da miña moza, devolveulle a súa parte, discretamente e sen estar eu diante. Aquel día entendín, mellor que con cen lecións de estrutura económica, as razóns da preponderancia produtiva e financeria da RFA, pois non hai noticia de que a sobriedade e a contención fixeran nunca dano aos pobos e si moito beneficio.
Acaso a máis negra consecuencia daquel estado de optimista conciencia colectiva, rotulado coa famosa frase por don Josemaría, foi a corrupción. Aí empezou todo. Con que España vai ben? Vale, pensou a un tempo unha lexión de galopíns próximos á xestión do diñeiro de todos, pois haberá que aproveitar, que seguro que isto non dura. E non durou, claro, ou durou o tempo de que, un por un, aquela lexión de corsarios, fillos da España que tan ben ía, fartos de roubar, foran caendo para xeral indignación e universal vergoña.
Vou semellar un cenutrio pero xúrolle que hai un sentimento colectivo ao que en España teño moito medo: o optimismo.

16.4.16

Internet rex


Damos por absolutamente indiscutible a omnipotencia de Internet. Confiamos as nosas comunicacións máis persoais e os lances da nosa vida íntima a unha empresa, da que ignoramos todo, chamada WhatsApp Inc. con sede en Silicon Valley, alegre e inconscientemente confiados de que alguén vela pola nosa privacidade. Arquivamos milleiros de fotografias, vídeos e documentos de texto persoais e mesmo profesionais nun directorio dos nosos dispositivos chamado Dropbox, a nube, un milagro tecnolóxico que, a cambio de nada, sen asinar nada, sen custo algún, nos soluciona a vida, e preguntámonos como é posible que un servizo tan extraordinario sexa gratuíto. Dropbox é un país de 101 millóns de habitantes, de todas as razas, de todas as linguas, de todas as crenzas. Hai quen chega á conclusión de que tanta facilidade non é máis ca un xeito de domesticación e control global das nosas existencias, porque retrógrados  e desconfiados hainos en todas partes e a sombra do Big Brother orweliano é moi alongada. Persoalmente, cando, por un acaso, se me ocorre a terrible idea de que un día o meu dropbox desapareza, pregúntome a quen demo lle podería reclamar nada, pois na nube non hai contratos nin garantías. Nin seguridade. En xuño de 2011, e durante catro horas, comprobouse que calquera conta de Dropbox era accesible. Un consello:  mire ben o que garda na nube, non sexa que o que vostede cre un inofensivo cúmulo sexa un nimbo treboento que lle chova enriba.
Todos, inmigrantes e nativos dixitais, temos sucumbido ao poder de Internet, o Leitmotiv, o símbolo da modernidade. Hai quen alerta do efecto demoníaco das redes sociales e hai quen afirma que Internet é unha adicción. Podo testemuñar que hai unhas semanas a SIM do meu celular avariouse  e, durante dous días feriados nos que non puiden reparalo, descubrín unha liberdade e un aire novo que xa tiña esquecidos. 
Brent Underwood, consultor de márketing editorial da firma Brass Check, decidiu hai unhas semanas xogarlla a Amazon,  o deus todopoderoso da edición moderna. Subiu un libro titulado Putting my Foot down (‘Pisando forte’), cunha foto do pé do autor na cuberta e… dúas páxinas máis. El mesmo mercou tres exemplares e en cinco minutos a plataforma xa o tiña elevado á categoría exclusiva de best-seller (aquí explica como o fixo). Todo fume. Fume e degradación.
Acaso o labor intelectual honesto e paciente estea reñido con tanto bluf tecnolóxico e, paradoxalmente, deamos máis importancia a este ca a aquel.  Acaso esteamos dando por sentadas demasiadas cousas. 

5.4.16

Os zetas



Eu sen enterarme e, o que son as cousas, teño dous zetas na casa. Non, non se trata dun novo modelo de coche coreano, nin de electrodomésticos de última xeración, dispositivos dixitais ou dalgunha extravagante raza canina. O zeta é, segundo o criterio dunha consultora moi preocupada por definir os hábitos de consumo da poboación, un ser humano occidental (home ou muller resulta indiferente) nacido entre 1994 e 2010, e que, mire vostede que os hai orixinais, forman a xeración que segue á xeración X e a Y. Chegados a este punto, penso eu, por certo, que, para bautizar a próxima, vaise ter que tirar do comezo do abecedario ou, como nas matrículas de antes,  mesturar as letras, de xeito que, ao mellor, os nacidos entre 2075 e 2100 resulta que son é a xeración CF, vaia usté a saber. 
Os zetas son nativos dixitais pois para eles a Internet está tan indisolublemente unida ao seu ecosistema como para min o estaban o colacao, as pipas La Pilarica ou as pelis de Maciste. Mesmo a min, na miña condición de miserable inmigrante dixital, cústame xa lembrar que un día non moi afastado o mundo carecía de  e-mail, google e guasap (e iso que o meu periplo pedagóxico iniciouse en tenra idade cunha pizarra e un pizarrillo nos parvulitos de certo establecemento denominado Grupo Escolar José Antonio).   
Aos zetas, que veñen a ser case o 26% da poboación mundial actual, colleunos a crise, tras anos de sobreabundancia  e derroche, e a crúa constatación de que tamén papá e mamá tiñan que apretar o cinto; colleunos o cambio climático, un terrorismo de escala internacional alentado por un fanatismo medieval, un paro recalcitrante que non semella escampar e, no caso español, a inquietante sospeita de que fóra do seu país as cousas andan mellor para atoparen algunha posibilidade de futuro. Os zetas son autosuficientes, creativos e cuestionan permanentemente unha escala de valores que eles non estableceron. 
Atribúen a G. K. Chesterton, ese inesgotable pozo de frases célebres, o intelixente pensamento de que cando un non ten nada mellor que facer escribe as súas memorias.  Tal vez cando chegue a ese punto, siga eu o consello do escritor británico, e me dedique a encher de paparruchas dous centos de folios contando o que foi a miña vida, non digo que non. Cando menos, de tal xeito, os dous zetas que teño na casa poderán comprobar como nunca hai nada baixo o sol e , ao cabo, a súa vida non se distingue tanto da vida do seu pai, porque a rolda da existencia é cíclica e o propio de cada época é crer que os tempos son chegados e a fin do mundo está á volta da esquina.

18.3.16

Un conto pequeno



Hai moito, moito tempo había un reino afastado, que tocaba o grande océano por tres lados dos catro que tiña. Aquel reino era verde e vizoso arriba e ocre e seco por abaixo, porque no norte chovía moito e no sur ía de costume abafante fogaxe.  Era un reino antigo no que os habitantes, malia partillaren unha lingua común e seren de seu ben semellantes, estaban condenados a non se entenderen xamais: uns dicían de construír unha casa e outros unha ponte; feita a casa, o lío era polo teito, se de palla ou tellado; estes querían tirar abaixo unha tapia grande que había e aqueles facela aínda máis alta; os loiros dicían que era mellor ser loiro e os morenos que morenos, e loiros e morenos pelexaban; os do leste, créndose máis ricos, tiñan noxo dos do oeste, menos afortunados. E o peor era que os habitantes, impasibles perante a decadencia e ruína do reino, lonxe de procurar entenderse en algo, teimaban con saña nos insultos duns cos outros, nas violentas liortas, pois calquera diferenza servía para cargar a súa carraxe e espallala, como se espalla a auga das olas pola arena. Non satisfeitos con andar todo o día a estacazos, deron os dun lado en roubar aos do outro e todo, ao cabo, era acusárense uns aos outros a ver quen roubara máis, pois, de feito, roubar, roubaban todos. 
Había no reino un druída, sabio e venerable, que,  vendo esvaírse as enerxías dos habitantes no cultivo cotián da xenreira e seriamente comprometida a boa gobernanza do reino, pensou en ceibalos da maldición. Mesturando herbas, follas e flores con óleos secretos e antiquísimas apócemas, destilou un perfume tan extraordinario, un arrecendo tan sublime, un aroma tan sobrenatural que só con salpicar unha gota no aire era manifesto o seu efecto euforizante e unha corrente irresistible de balsámica bondade apoderábase dos corazóns, perdoando a vítima ao ladrón e facendo este xurdia promesa de non voltar a roubar, anegándose as falas de harmonía e acordo sobre o mellor futuro do reino. Creu o compasivo mago que de alí en diante o siso voltaría ao malfadado reino pero quíxoo o destino doutro xeito, pois, uns e outros habitantes nunca cousa si se puxeron de acordo: foron á selva onde vivía o mago e destruíron todas as redomas de perfume que o mago tiña e aínda, poñendo mans violentas sobre o bo feiticeiro, asasinárono, non fora que se lle ocorrera facer máis colonia máxica, e, así, seguiron vivindo como ata entón, pois comprenderon que a carraxe, o desprezo e o enfrontamento eran a súa savia, un fluído agre sen o cal non sabían vivir.

2.3.16

O español



Raros, curiosos e imprevisibles son os camiños que conducen ao éxito unha obra calquera do humano entendemento. É ben sabido que Franz Kafka deixou encomendado ao seu albacea testamentario Max Brod destruír sen excepción todos os seus manuscritos. Ou que o sublime Van Gogh, pobre, roxo de pelo e tolo, vendeu só un cadro en vida, O viñedo vermello, por 400 francos. Morreron, ao cabo, don Franz vienés e don Vincent neerlandés ben ignorantes de que co andar dos anos serían, aquel un dos máis fascinantes narradores e este un dos máis extraordinarios pintores da vixésima centuria, considerados con todo merecemento cánones da novela e da pintura contemporáneas. 
Se don Miguel de apelidos tan galegos Cervantes e Saavedra intuía cando estirou a pata a inmensa repercusión do seu fidalgo de los de lanza en astillero é algo que non di a historia. Ao mellor, envexoso do éxito do seu colega, o fénix dos enxeños, rico, ligón, famoso e un pouco fantasma, e que por riba non era impedido dunha man, pensou que os loureiros do parnaso non lle estaban reservados e foise para o outro barrio na crenza de que as andanzas do seu Quijano pasarían sen mágoa nin gloria. Pero dispúxoo o destino doutro xeito e elevou o seu Quijote ao pedestal da obra máis universal, coñecida, lida e traducida da literatura de todos os tempos. Sería outro o seu futuro de non estar escrita en español? De novo, temos que dicir que non se sabe. Xa daquela, cando don Miguel puxo o punto final ao manuscrito, era o español o primeiro idioma do mundo, falado nunha extensión na que nunca se deitaba o sol.  Non sei a vostede pero a min prodúceme un pasmo reverente ver un misquito de Honduras, un guaraní do Paraguai ou un quechua andino falar un idioma absolutamente tansparente e intelixible.  Non constitúe esa comunidad de lingua un patrimonio impagable? Iso no étnico ou antropolóxico, porque, no puramente crematístico, a existencia dunha colectividade de máis de 600 millóns de usuarios dunha mesma lingua agocha un potencial económico que, cando ben explotado, pode reportar incalculables beneficios de toda índole.  
Cando as guerras carlistas, aquel meu admirado don Jorgito el Inglés, que vendía biblias luteranas por España adiante, deu fe que era característico dos españois o desprezo ou indeferenza do seu, en beneficio da devoción servil por todo o foráneo. Eu quérolle moito o meu país, pero vendo que imos mandar a Eurovisión unha gicha cantando en inglés dáme gana de marchar del. Odio a estupidez.

17.1.16

Andacio de tempos modernos



Sociólogos, psicólogos e pisquiatras observan nas culturas urbanas contemporáneas dous feitos sorprendentes: oito de cada dez persoas que deciden poñer voluntariamente fin á súa existencia son homes e, contra o que puidera semellar a primeira vista, non son a melancolía compulsiva nin a baixa autoestima nin a ausencia de habelencias sociais as causas preeminentes do suicidio, senón a exacerbación do perfeccionismo. Unha sociedade que ten canonizado o poder adquisitivo como marchamo inequívoco do éxito profesional e persoal xera o caldo de cultivo perfecto para a frustración crónica, que é loxicamente tanto máis adoita canto máis intensa a competencia, basal e xenética, entre machos alfa. Isto define, máis intensamente entre varóns, unha perigosísima dinámica, onde a nosa propia configuración non se basea tanto no que nós pensamos nin agardamos de nós mesmos canto na obsesión sobre a imaxe que cremos que os demais teñen de nós. Eu creo que a disimetría sistemática entre estes dous polos (cómo nos vemos a nos propios e cómo cremos que nos ven os demais) alimenta unha figura moi habitual que de certo vostede recoñecerá de contado: o xenio incomprendido, que ofrece a quen o queira unha excelente oportunidade de negocio: mercalo polo que realmente vale e vendelo polo que el cre que vale. 
A, tremenda, intelixente, definitiva, apreciación sartreana de que o inferno son os outros acada na nosa hipertecnolóxica sociedade unha dimensión de robótica apocalipse: igual que mal levamos que a medicina non o cure todo, resúltanos intolerable que a caixeira do híper, tras cinco horas pasando produtos por un lector de código de barras, se trabuque cobrándonos ou que non lle funcione o chintófano da tarxeta de crédito e nos teña esperando cinco miserables minutos, que se nos volven unha eternidade. Vivimos afeitos a ter que soportarnos: cónxuxes, fillos, pais, irmáns, amigos, colegas de traballo… conforman unha lexión de inimigos contra os que a guerra diaria é, como toda guerra, dura e por veces insufrible. Pero a feroz esixencia de demostrar o que valemos, o extremadamente intelixentes e  importantes que somos e o ben que vivimos (unha novidade filla do estado do benestar) crearon un novo monstro, que, como o Horla de Maupassant, se nutre de nós. Un monstro que medra en canto medra a carraxe non tanto por ver incumpridas expectativas tal vez demasiado ambiciosas senón polo feito de que un rostro vencido testemuñe a frustración e os demais o saiban. E este é un punto crítico ao que algúns non sobreviven.