17.1.16

Andacio de tempos modernos



Sociólogos, psicólogos e pisquiatras observan nas culturas urbanas contemporáneas dous feitos sorprendentes: oito de cada dez persoas que deciden poñer voluntariamente fin á súa existencia son homes e, contra o que puidera semellar a primeira vista, non son a melancolía compulsiva nin a baixa autoestima nin a ausencia de habelencias sociais as causas preeminentes do suicidio, senón a exacerbación do perfeccionismo. Unha sociedade que ten canonizado o poder adquisitivo como marchamo inequívoco do éxito profesional e persoal xera o caldo de cultivo perfecto para a frustración crónica, que é loxicamente tanto máis adoita canto máis intensa a competencia, basal e xenética, entre machos alfa. Isto define, máis intensamente entre varóns, unha perigosísima dinámica, onde a nosa propia configuración non se basea tanto no que nós pensamos nin agardamos de nós mesmos canto na obsesión sobre a imaxe que cremos que os demais teñen de nós. Eu creo que a disimetría sistemática entre estes dous polos (cómo nos vemos a nos propios e cómo cremos que nos ven os demais) alimenta unha figura moi habitual que de certo vostede recoñecerá de contado: o xenio incomprendido, que ofrece a quen o queira unha excelente oportunidade de negocio: mercalo polo que realmente vale e vendelo polo que el cre que vale. 
A, tremenda, intelixente, definitiva, apreciación sartreana de que o inferno son os outros acada na nosa hipertecnolóxica sociedade unha dimensión de robótica apocalipse: igual que mal levamos que a medicina non o cure todo, resúltanos intolerable que a caixeira do híper, tras cinco horas pasando produtos por un lector de código de barras, se trabuque cobrándonos ou que non lle funcione o chintófano da tarxeta de crédito e nos teña esperando cinco miserables minutos, que se nos volven unha eternidade. Vivimos afeitos a ter que soportarnos: cónxuxes, fillos, pais, irmáns, amigos, colegas de traballo… conforman unha lexión de inimigos contra os que a guerra diaria é, como toda guerra, dura e por veces insufrible. Pero a feroz esixencia de demostrar o que valemos, o extremadamente intelixentes e  importantes que somos e o ben que vivimos (unha novidade filla do estado do benestar) crearon un novo monstro, que, como o Horla de Maupassant, se nutre de nós. Un monstro que medra en canto medra a carraxe non tanto por ver incumpridas expectativas tal vez demasiado ambiciosas senón polo feito de que un rostro vencido testemuñe a frustración e os demais o saiban. E este é un punto crítico ao que algúns non sobreviven.

No hay comentarios: