18.3.16

Un conto pequeno



Hai moito, moito tempo había un reino afastado, que tocaba o grande océano por tres lados dos catro que tiña. Aquel reino era verde e vizoso arriba e ocre e seco por abaixo, porque no norte chovía moito e no sur ía de costume abafante fogaxe.  Era un reino antigo no que os habitantes, malia partillaren unha lingua común e seren de seu ben semellantes, estaban condenados a non se entenderen xamais: uns dicían de construír unha casa e outros unha ponte; feita a casa, o lío era polo teito, se de palla ou tellado; estes querían tirar abaixo unha tapia grande que había e aqueles facela aínda máis alta; os loiros dicían que era mellor ser loiro e os morenos que morenos, e loiros e morenos pelexaban; os do leste, créndose máis ricos, tiñan noxo dos do oeste, menos afortunados. E o peor era que os habitantes, impasibles perante a decadencia e ruína do reino, lonxe de procurar entenderse en algo, teimaban con saña nos insultos duns cos outros, nas violentas liortas, pois calquera diferenza servía para cargar a súa carraxe e espallala, como se espalla a auga das olas pola arena. Non satisfeitos con andar todo o día a estacazos, deron os dun lado en roubar aos do outro e todo, ao cabo, era acusárense uns aos outros a ver quen roubara máis, pois, de feito, roubar, roubaban todos. 
Había no reino un druída, sabio e venerable, que,  vendo esvaírse as enerxías dos habitantes no cultivo cotián da xenreira e seriamente comprometida a boa gobernanza do reino, pensou en ceibalos da maldición. Mesturando herbas, follas e flores con óleos secretos e antiquísimas apócemas, destilou un perfume tan extraordinario, un arrecendo tan sublime, un aroma tan sobrenatural que só con salpicar unha gota no aire era manifesto o seu efecto euforizante e unha corrente irresistible de balsámica bondade apoderábase dos corazóns, perdoando a vítima ao ladrón e facendo este xurdia promesa de non voltar a roubar, anegándose as falas de harmonía e acordo sobre o mellor futuro do reino. Creu o compasivo mago que de alí en diante o siso voltaría ao malfadado reino pero quíxoo o destino doutro xeito, pois, uns e outros habitantes nunca cousa si se puxeron de acordo: foron á selva onde vivía o mago e destruíron todas as redomas de perfume que o mago tiña e aínda, poñendo mans violentas sobre o bo feiticeiro, asasinárono, non fora que se lle ocorrera facer máis colonia máxica, e, así, seguiron vivindo como ata entón, pois comprenderon que a carraxe, o desprezo e o enfrontamento eran a súa savia, un fluído agre sen o cal non sabían vivir.

No hay comentarios: