Máis que cen
discursos contra a crise do libro, a lectura e a edición poden, creo eu, os
pequenos exemplos de que un libro pode ser unha alfaia, a lectura un exercicio
incomparable e a edición unha actividade cultural imprescindible que, mesmo,
pode servir para gañar a vida. Disto último non podo dar constancia. De todo o
outro, da fe un libro recente, Insolúbel. Franco del Carro, publicado
en 2016 por Chan da Pólvora, unha editora que, nos contidos e nas formas,
retrotrae ao cerne máis nobre da artesanía editorial e o mimo na idea e na
execución do libro. Parabéns a Antón Lopo, fundador e director do selo, e a
todos os seus colaboradores (entre os cales non podo deixar de mencionar o meu vello
amigo e magnífico deseñador Manuel Martínez).
Insolúbel. Franco del Carro, dicía, refírese a un personaxe e unha cidade. O personaxe, un escuro clochard de pretendida orixe catalá, dedicábase a inscribir en paredes, farolas, muros e portas cun rotulador de punta grosa unhas mensaxes por veces de lesa sintaxe pero sempre adoecidas dun carimbo lírico-apocalíptico. A cidade, Santiago de Compostela nos remates da década dos setenta, cando eu cheguei a ela para cursar os meus estudos universitarios, xusto dous anos despois da morte de Franco (Bahamonde: Franco del Carro sobreviviría algúns anos máis), «aqueles días que semellaban un tempo novo que non tiña límite», di no libro Suso de Toro.

Eran, en
efecto, tempos de enerxía, días de viño e rosas nos que era imposible, ou moi
difícil, sustraerse aos mecanismos da perpetua euforia, aos pulos do optimismo
patolóxico. Santiago era o trasfondo barrigaverdiano dun guiñol no que os polis
mallaban nos estudantes que, moi no papel de enfants terribles, pediamos
liberdade, pisos máis baratos, sexo libre e disolución dos corpos reprimidos, arrodeabamos
o pescozo con foulards, pintabamos os ollos con kul e eramos asiduos de
paraísos artificiais diversos (petas, tiza, vulcanos, estrelas roxas… ) que se adquirían no zoco de Galerías Viacambre. O reitor non
tiña pilila e non queriamos o medio ambiente, queriámolo enteiro. Naquel
calexón do gato que era Compostela menudeaban espectros de catacumba: Bretón e a salmodia alucinada dun bastón contra as portas; Casal e seu loro Juanito,
ou papagaio, que disque estivera na guerra de Cuba; o Caudillo, hóspede de
Conxo fardado de militar, o burro Zenón de Plutarcos… e Franco del Carro, co
seu rotula, a súa proverbial mala leite e o seu abrigo remendado. Compostela
era unha cidade paixonal, un pouco absurda, como unha amante vella que, para
gustar, segue empoando a cara; pero, sobre todo, Santiago era un ente vivo, de corazón permanentemente taquicárdico.
Hoxe Santiago, como moitas cidades vítimas da historia, é invisible para os nativos, mercadea en liga internacional co seu pasado e dá de merendar aos turistas cincuenta topicazos. Pero, aló nos recantos da memoria reservados para as lembranzas gran reserva, aínda xeme a miña insolúbel Compostela, de cando ardiamos.

1 comentario:
Qué ben o pinta vostede, carísimo amigo! . Tamén é certo que os materiais químicos para tratar certas singularidaes mentais evitan a presencia destes personaxes pola rúa ou polo menos a invisibilizan algo máis. Pero moitas gracias pola lembranza.
Publicar un comentario