9.4.17

A chalana anegada



Un día laboral calquera, hai atrás, por pura curiosidade (acaso mesturada co seu aquel de masoquismo) botei a conta: entre as 8: 26 e as 19: 35h recibín 31 mensaxes e enviei 13 na miña conta de e-mail profesional; 5 máis na conta personal de gmail; 15 guasaps recibidos e 6 enviados; 14 chamadas recibidas ao celular profesional e 10 enviadas, máis catro chamadas perdidas; 9 chamadas ao teléfono fixo. Nun cálculo aproximado, no lapso devandito, botei non menos de sete horas totais diante dun monitor, entre o ordenador fixo do traballo, o portátil na casa e o celular, e máis dunha hora co pavillón auditivo adherido a un cacharro de material plástico cunha radiación electrónica de tres pares de estalos. 
E o máis pistonudo do choio é que xa non nos resulta posible concibir, nin sequera lembrar, un mundo tan pavorosamente incomunicado que non coñecía Internet nin os móbiles. Un amigo meu chama ao seu móbil “o p. m.”, abreviación onde “m” corresponde, claro, a “móbil” e “p” a… Acertou Vde.! Parabéns pola súa perspicacia! Pois ben, eu pregúntome como podiamos ver a tele sen fuchicar seguido no p. m. Pregúntome a que se dedicaban os escolares no recreo, agora denominado ‘espazo de lecer’, cando non había guasap.
Pregúntome que raio de perda de tempo sería botar horas nun despacho sen un ordenador: pode vostede imaxinalo? Pregúntome que demo de atraso era levar a revelar as fotos dunha cámara pleistocénica a unha tenda de fotografía (seguen existindo?). De verdade que xa non o recordo. En troques, e malia ter pasado moitísimo máis tempo, si lembro con nidieza as aulas do estradense Grupo Escolar ‘José Antonio’, nas que, cun frío invernal case antártico, aprendín a escribir cun pizarrín e unha pizarra, da que penduraba, atada a un cordeliño, un anaco de esponxa, a xeito de ‘eraser’ perpetuo.
Eu, e talvez vostede tamén, intúo outros tempos nos que, nunha semana, un recibía ao mellor catro ou cinco cartas e enviaba dúas. Era, en liñas xerais, o propio esforzo do creación epistolar, intelectual e física,  o que exercía de saudable peneira que filtraba as parvadas de falabarato e só deixaba pasar aqueles pensamentos, argumentos e mensaxes realmente necesarios. Hoxe, a facilidade tecnolóxica estimulou unha bulimia textual sen precedentes que conduce a unha servidume espantosa, filla dun invento de Satanás: o e-mail, unha chalana anegada que, malia os nosos permanentes esforzos por achicala, permanentemente volve a anegarse. Ai, aqueles telegramas, aquelas operadoras da Telefónica e aquelas conferencias ‘a cobro revertido’! Cousas do século pasado.

No hay comentarios: