11.3.17

Redes



Resulta que un fulano botou varios meses en Proxecto Home para desengancharse de… Facebook! Non, non é coña, lino hai unhas semanas no xornal, e, ao mellor, vostede tamén. Polo visto, o tipo chegou a facer un fundido entre a súa vida real e a vida finxida do seu perfil na rede social, de xeito que esta comezou, sutil, subrepticia, arteiramente, a suplantar aquela. Vítima, ao cabo, dunha atroz esquizofrenia tecnolóxica, chegou a establecer unha relación de dependencia tan umbilical co móbil que, durante os meses que durou o enganche, a súa existencia comezaba e remataba na impecablemente puída superficie negra do seu smartphone, coas esperables consecuencias, supoño, sobre as súas relacións persoais de verdade, sobre a súa familia, sobre o seu traballo… 
De feito, responsables do propio Proxecto Home, ata hai ben pouco especializados en afastar as persoas do alcol, do haxís, do perico e do cabalo, veñen alertando con insistencia no terrible perigo que sobre todo para os adolescentes representan WhatsApp e Facebook, novas formas de adicción psicolóxica que poden levar a gravísimos trastornos da personalidade e das formas normais de interrelación social. 
Formas normais de interrelación social? Estaría ben definir isto, hoxe en día. Non é xa o normal relacionármonos a través do celular ou o portátil? O outro día, nun banco, a amable empregada que me atendeu espetoume como primeira providencia que a operación que eu viña de solicitarlle «pode facela vostede comodamente na nosa banca on-line». Sorprendinne a min mesmo respostándolle: «Prefiro facela aquí, cun ser humano, con vostede». A cousa soaba a torpe intento de ligue, recoñézoo, e avermelleime, creo. Pero, no fondo, o meu subconsciente estaba rebelándose contra a ditadura dos monitores como territorio preferente das nosas vidas. Hoxe, cando un (eu incluído) contempla unha paisaxe impresionante, unha fermosa catedral ou un cadro de Vermeer, antes de deixarnos seducir pola humilde pero sublime maxia da propia contemplación, tiramos de móbil, facemos unha foto e a compartimos a toda leite en Facebook, botándonos ao demo se non temos cobertura.
Hai que vivir, claro, cos tempos e de nada serve converterse nun melancólico patolóxico do pasado e, moito menos, nun carca tecnófobo ou nun reaccionario da modernidade. Pero confésolle que teño saudades de tempos máis sinxelos, e tal vez máis auténticos, en que «chatear» era tomar un viño cos amigos, «navegar» ir en vapor ás illas Cíes, «perfil» poñer a cara de lado e «redes» unha vila mariñeira, ben linda por certo, na ría de Ares.

No hay comentarios: