26.2.17

En Candán, a serra



Un rapaz que quero moito e a quen lle gusta máis o monte que comer polo cos dedos,  meteume unha idea na cabeza: camiñarmos o Candán, a serra, e ver de descubrir os seus segredos. Meu dito, meu feito, collemos unha mañán carreteira e enfiamos cara a Vilatuxe, de famosa banda de música. En Bustelos, vilar desta freguesía, botámonos ao monte cara á aldea de Grobas, un pobre lugarexo abandonado, polo visto, no ano 69 sen que alí chegara nunca a luz eléctrica. A senda, virada, traizoeira, sobe, baixa e vai cobregueando pola aba da montaña mentres o río Grobas, que é un río montesío afeito a ir por onde lle peta, roxe no fondo da valgada. Impresionan os sentidos o altor dos cumes, o precípito das fragas, a soidade cósmica daquelas asperezas. En Grobas, a este rapaz, sen consideración ás miñas canas, se lle encaixa na cachola subirmos cara a Ameixedo por unha pendente que lle chaman Costa da Fariña. Cando vexo tal pendente, dedico uns minutos a xurar en arameo: aquilo non é unha pendente, é unha parede. Pero, en fin, alá vamos. Botando os bofes, chegamos ao cume e, ao pouco, albiscamos Ameixedo, unha lindeza de aldea, pequena, recoleta, recollida nunha campa vizosa, como pedindo perdón á montaña. A volta, por Portomartín, levounos por treitos de río e bosque dunha salvaxe beleza difícil de ponderar.
Outro día, saímos de Aciveiro, venerable cenobio de bieitos, nunha mañanciña de inverno que semella maio. Na ponte vella de Andón, que disque se construíu por mandado do abade san Gonzalo das Penas, o tempo esváese. A fantasía respira alí nos soutos centenarios, nas pedras, na auga pura do Lérez, naquela paraxe aínda un naipelo. Na ponte vella de Andón aínda pode sentirse o suspiro das fadas, o rosmar do trasno e os griñidos roufeños dos feos ananos que asañan os tobos do raposo. Máis adiante está Lamasgalán de Abaixo, unha vella aldea con dez casas e moitos cans alegres e ladradores. Intercambiamos información sobre a ruta cunha señora de idade avanzada, de fermoso rostro alpino e profundos ollos azuis. Unha parella de rexos labradores, de pelo branco, ironizan coa fortaleza das nosas botas, pois, aseguran, a corredoira que vén logo non é tampouco gran de anís. En Lamasgalán de Abaixo, unha vella aldea con dez casas e moitos cans alegres e ladradores, a xente semella moi feliz.
Si. En Candán esváese o tempo. Sei que é un espellismo pero, mentres refresco os pés cansados nun regato cantarín e merendo unha mandarina, as tensións dunha vida de tolos, Internet, as primarias do PSOE, Puigdemont, as tarxetas black, Donald Trump e Iñaki Urdangarín parécenme, máis que nunca, entes dunha ficción perfectamente prescindible.

No hay comentarios: