12.2.17

A morte do raposo



A foto do xornal amosa catro individuos fardados con roupa de monte e coa expresión triunfal de quen vén de colleitar un grandísimo mérito. Dous deles sosteñen o corpo inerte dun raposo, un magnífico animal que hai horas vivía libre e en comuñón coa natureza, ata que sentiu o cruel acoso dos cans e a dor insoportable da súa carne chamuscada. A foto do xornal corresponde á Supercopa de Galiciade Caza de Zorro (así, con dous narices), un evento no que o sabucho pretendidamente deportivo da denominación agocha a sádica e inxustificada invasión humana nun ecosistema, que ten, como todo ecosistema, os seus propios procesos reguladores.
Independentemente doutros criterios, argumentos e razóns, eu observo que, en Galicia, a media de relación do ser humano coa fauna salvaxe baséase na violencia e o exterminio. Lembro o parque público de certa cidade alemana, no que os esquíos comían confiados da man dos paseantes. En Galicia, xa non nos parques, senón nos mesmos bosques semellan os esquíos teren desaparecido. A reacción convencional dun habitante rural perante un animal salvaxe (lobo, corzo, xabarín, raposo, miñato…), sempre que este lle brinde a ocasión, é matalo: así de simple, algo que nos distingue moito dos nosos veciños europeos do norte e que a min, persoalmente, me resulta abochornante. Neste contexto, roza o patetismo querer xustificar coa lei na man e sobre criterios supostamente ecolóxicos a morte indiscriminada de especies, a existencia das cales debera asentar en novas formas de relación co ser humano. 
Non existe evidencia científica algunha de que a poboación de raposos constitúa un prexuízo para outras especies cinexéticas nin de que sexa preciso control humano ningún sobre a súa poboación, argumentos estrela de quen queren disfrazar de razóns biolóxicas o que non é máis ca un xeito de canalizar testosterona, que ben puidera canalizarse doutro xeito e non regando o monte de sangue.
A formulación ética da morte dos animais é sempre complexa. Matamos años, porcos, cuxos, coellos e polos porque os comemos e porque desenvolvemos procedementos regulamentados para facelo, que non alteran o delicado equilibrio natural. Matamos touros porque hai quen cre (eu non, desde logo) que  iso é un espectáculo nobre. Matamos ratas porque son promiscuas e indiscutiblemente nocivas. Pero, como especie, é tamén a nosa obriga ética imporñernos límites: cando non existe nin a máis peregrina razón para facelo, matar convértese nun absurdo alarde de brutalidade.

1 comentario:

Voz en off dijo...

A verdade é que dá moita pena a xente que perde animais e cultivos pola acción de raposos, xabaríns ou lobos.