Das
dificultades, tropezos, trasacordos, liortas, suores e traballos sen conto
derivados de termos os humanos conciencia dá boa conta esa invectiva
(marabillosa invectiva) que ás veces diriximos ao noso interlocutor (ou
interlocutora), como resumo ou corolario do fartos que estamos das súas
extravagancias: Mira que es ben rariño,
recoiro! (ou rariña: o engadido recoiro pode faltar, claro, ou mesmo ser
substituído por un venablo máis intenso, carallo
é moi socorrido).
Eu, que teño un can, comparo tanta rareza humana coa
sinxeleza primitiva do meu can e chego á inquietante conclusión de que os
humanos somos uns gilipollas de regulamento, afeitos a un montón de
mamarrachadas, que iamos bos se nos faltaran. O meu can, que atende por Chusko (en
fin, atende cando lle peta, claro), é como un can do neolítico: é posible que
non sexa máis listo, nin evoluído nin refinado ca o can dun neanderthal pero
tampouco ten nin máis nin menos necesidades ca un chucho prehistórico. Gusto
moito de ir ao monte con el. Doulle un asobío e aí esta coa lingua de fóra e o
rabo vasoirando o chan. Non lle fai falta máis, pois, curiosamente, co pelo de
sempre, non ten frío no inverno nin calor no verán. Eu poño uns calcetíns cunha
especie de parches contra callos e durezas; un polar, por se o frío; unha
mochila para meter o polar, por se a calor; unha gorra para a súor; as gafas de
sol, por se o sol; as botas de andar (chirucas, carísimas); uns bastóns de marcha escandinava, por aquilo do equilibrio e cansar menos; unhas mandarinas na
mochila, polo zucre, para repoñer e contra as maniotas, xa se sabe; a
cantimplora con bebida isotónica, polo mesmo. Cando remato a preparación da
miña ascensión aos Himalaias, o can xa meteu o lingua fóra e ten o rabo quedo.
De feito, mírame cunha expresión de certa perplexidade impaciente, ao mellor, a
mesma expresión do can neolítico cando ollaba o seu amo prepararse para a caza
do mamut: Que, meu, é para hoxe?
En révanche, eu creo que
as complexas viravoltas a que conduce o noso exceso de intelixencia vense
compensadas coa natural tendencia humana ao obvio, algo que persoalmente adoro.
Non sei vostede pero eu síntome reconciliado coa sinxeleza primitiva do meu can
cando escoito un futbolista dicir diante dunha cámara: Bueno, si, o partido é
difícil pero nós imos saír ao campo dispostos a gañar, porque é certo que eles
tamén van saír a gañar. Ou, cando
entrevistan a xente na tele porque en febreiro vai frio: Ai, vai moito frío, non había tanto frío dende o verán!
En fin, que, como o aire que esiximos vinte
veces por minuto, non por sabido deixa de ser reconfortante, e aínda proveitoso e necesario, lembrarmos que un futbolista
sae á cancha a gañar ou que en febreiro vai frío. Que a cousa funciona, vaia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario