27.10.16

Un bebé na universidade



O caso dunha moza, alumna de último curso de Pedagoxía na Universidade de Barcelona, que, non tendo con deixar o seu pequecho de 11 meses entre as tres e as cinco da tarde, tivo a ocorrencia de levalo canda ela ás aulas universitarias, alegando que a esas horas o meniño dorme a siesta e está ben tranquiliño, pon o foco, creo eu, no moito que as novas xeracións esixen da sociedade que os arrodea e que ten que ver co modelo de sociedade que queren, unha sociedade que, por tumbas ou por derrumbas, ten que satisfacer todas as súas demandas, pois para iso estamos, faltaría máis. 
Sen ánimo de incorrer en odiosas comparacións, o paradigma disto último que argumento é o botellón, prístino contributo hispánico á cultura occidental contemporánea.     
A verdade é que nun país onde o pensamento colectivo se rexe dende hai moitos anos non polo vello principio, tan caro ao sentido común, do por qué das cousas senon do por qué non das cousas, todo xénero de disparate ten asento. O botellón era, na súa xénese, unha reunión de catro amiguetes na alameda da vila arredor duns cocacolas e un frasco de Brugal. Nun clima da maior impunidade, a cousa foi medrando, ocupando xardíns públicos, campus universitarios, prazas históricas, bosques semirubanos, paseos marítimos e fluviais, sen que ningún responsable ou mandatario fose quen de poñerlle couto a tempo, pois o tal couto implicaba gravísima lesión á corrección política, segundo a cal a xuventude é un estado semidivino, digno de toda veneración, pois todo o novo é bo, dinámico, atractivo e desexable e todo o vello é malo, caduco, repelente casta. Así pois, nese seráfico estado en que todos (pais, profesores, policías, alcaldes, reitores…) bendicían a dipsomanía colectiva dos mozos nos espazos públicos, os mozos reaxiron, consonte os valores adquiridos: limpar os restos inevitables destas orxías alcólicas cooperativas, tanto directos (bolsas, botellas de cristal e plástico) como indirectos (vomitonas, mexadas, preservativos) é un problema dos maiores, non noso, o noso é divertirnos. E nestas andamos.
A moza que, en idade tan temperá, desexa facer universitario o seu roliño de manteiga razoa exactamente así, tal e como lle aprendemos, coa fresca ousadía de quen non ten conciencia do problema pois o problema non é seu senón da sociedade, que para iso está. Que non teño con quen deixar o neno? Que mo solucionen, que é ao que estou afeita. 
Malo será que, tras saír no parte da noite,  o tema non sexa obxecto de debate en dez tertulias, titular de vinte xornais e, mesmo, se monte unha plataforma cívica en defensa dos bebés na universidade, pois, se ben se mira, toda idade para aprender é boa.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Está claro que non é nin moito menos unha situación deseable, nin para ela nin para o neno mais, si cadra, acudir cos bebés a universidade ou a calqueira tipo de traballo fai que se solucionen os impedimentos das nais para acceder a unha vida normalizada. Vida que se ve interrumpida en moitos casos coa chegada dun fillo.
Coñezo casos nos que non se admitiron nenos nas garderías oficiales porque a nai non tiña traballo fixo. É a pescada que roe o rabo, si non tes onde gardar o fillo non podes acceder ao mundo laboral. Por outro lado parece un tanto irrisorio esixir un traballo fixo na situación actual onde todas as ofertas son de traballos eventuales. Agora ben, si a nai ten un bo poder adquisitivo e un traballo fixo ben pagado non hai ningún problema. ese neno, vai estar ben gardado, esa muller poderá moverse libremente sin carregalo nas costas.
En fin, que son moitos atrancos aos que se enfrenta unha moza con un fillo si non conta ou ben con abós saudables e colaboradores que cuiden do neto ou con un "traballo fixo" ben pagado.
Concordo co teu razonamento, a conclusión ven a ser xusto esa, que o problema non está na actitude da rapaza, está na sociedade.