14.11.16

A garrotazos



A discrepancia é o motor do mundo. Tras todo avance social, científico, económico, cultural hai sempre un discrepante. De Xesús a Lutero, de Galileo a Darwin a historia do mundo escríbese coa tinta do trasacordo, moitas veces co sangue dos heterodoxos. A discrepancia é sa, proveitosa, pedagóxica. No traballo editorial, que conozo ben e onde hai que tomar tantas decisións coordinadas e, as máis das veces, consensuadas entre axentes diversos (autores, promotores, maquetistas, deseñadores, outros editores…), ferrarse en posicións monolíticas e non rendibilizar a opinión allea é o camiño seguro dun labor ineficiente. Porque o contraste (é posible que contundente ou, mesmo, violento) entre pareceres distintos é, de seu, unha riqueza, a condición, claro, de que a vivencia do trasacordo sexa construtiva e non se vexa nel un ataque, aldraxe ou ofensa.
Non deixa de resultar curioso que se nos esixa capacitación demostrable para todo nesta vida agás para o máis difícil reto co que os seres humanos nos enfrontamos: educar a nosa prole, transmitir ese kit indispensable de actitudes, límites, modelos, condicións de pensamento e valores tan extraordinariamente complexo que chamamos educación. Como pai, este menda fixo (como todos) o que puido. Pero, cando menos, os dous rillotes que me couberon en sorte testemuñarán que seu pai lles legou, co seu exemplo, o valor da tolerancia e o respecto escrupuloso á opinión allea, pois nunca elevou a súa propia á vitola do que non admite réplica nin discusión.
Na xestión sensible e intelixente da discrepancia reside, creo, a clave do progreso e a convivencia e aquí, en España, temos ao respecto un problema, que debemos facernos mirar pois segue sendo endémica a tendencia groseira ao insulto e a descualificación como resposta primaria ao trasacordo. Ben sei ao que se expón quen asoma ás páxinas dun blog ou dun xornal para opinar do divino e o humano. Pero, mesmo tendo botado os dentes nesas lides, non deixa de asombrarme a virulencia verbal da que por veces fai gala algún lector.
Con motivo dunha recente columna miña en certo xornal no que publico, una columna que, obviamente non foi do seu gusto, un individuo ignoto dedicoume nunha rede social un comentario público de catro liñas, que, entre outros vocábulos, contiña os seguintes: Ostia, soplapolleces, carallo, chorradas, fenómeno, tocar os güevos.
Vai para douscentos anos que Goya pintou Duelo a garrotazos, un capricho no que dous fulanos se baten con saña, enterradas as pernas na lama. Eu adoro a Goya pois recoñezo no seu xenio indiscutible a marca, reservada a poucos, dos profetas.

No hay comentarios: