28.11.16

Topografía do horror



En novembro de 1937, chamado a quintas conforme o seu reemprazo, un rapaz de 20 anos e veciño da Estrada, tras uns meses en Sanidade Militar na comandancia da Coruña, incorporouse ao gabinete fotográfico do Corpo de Exército de Galicia, que mandaba o xeneral Antonio Aranda Mata, natural de Leganés, provincia de Madrid, que tiña sona de liberal, masón e conspirador, e que, ben puido apelidarse, no canto de Aranda, Orondo, polo bazuncho. Cos seus ollos grisazuis e o obxectivo da súa Leica, aquel rapaz testemuñou en centos de instantáneas os  horrores dun país en guerra, horrores que, de certo, era demasiado novo para asimilar en tan pouco tempo. En total, unhas seiscentas fotos, fundamentalmente da fronte de Asturias, Aragón e Levante, que, cos anos, foron dar a dous grandes álbumes con pastas de duro cartón.
Durante a miña nenez aqueles dous enormes álbumes eran obxectos de culto; a irreflexividade propia dos poucos anos cedía perante o influxo turbador das fotos que papá fixera na guerra: mortos, «paseados», corpos calcinados dentro dos tanques, pontes rebentadas, vilas e cidades arrasadas, prisioneiros rojos de ollar perdido e a cabeza entrapallada, soldados mouros, enfermeiras e rapazas da Sección Femenina, Francisco Franco  comendo dunha escudilla metálica en campaña, xunto co seu irmán Ramón e o seu cuñado Ramón Serrano Suñer, Perico Chicote servindo un cóctel a Aranda, baixo a expresión aceda de Pilar Primo de Rivera… 
Cando miraba aquelas fotos, fascinado, os meus ollos de neno non sabían que algún día tería que poñer distancia entre eu e elas, a distancia que impón esa señora tan seria que se chama historia. Pero daquela sentía que era a historia a que moraba na miña casa.
Estas fotos xa non me pertencen. Deixaron hai tempo de ser miñas e da miña familia. Son patrimonio de todos. Deixan fe de cataclismos persoais, depauperacións, miserias, infortunios e dores sen conto, que tamén son patrimonio de todos. Nunca serán abondos os esforzos que fagamos neste país noso, tan dado a maximalismos maniqueos e xenreiras viscerais, para que a historia non se repita. 

Agora, no octoxésimo aniversario do 36, ao sempre inquedo director do do Museo do Pobo Estradense, Juan Andrés Fernández Castro, se lle ocorreu incorporar á web do Museo unha selección do arquivo  fotográfico Guerra Civil de  Mario Blanco Fuentes, idea que secundei con convencemento. Un exercicio de melancolía inútil?  Creo que non. Esas fotos transmiten unha lección moi pouco orixinal, é certo, pero, polo mesmo, perenne. Unha lección eterna que, malia os algodóns de que nos arrodeamos, noutras latitudes outros seres humanos seguen, e seguirán, aprendendo a costa de sangue, sudor e bágoas. 

No hay comentarios: