16.12.16
Un pacto pola natureza
Co esaxerado entusiasmo da promesa de amor dun adolescente, os poderes públicos veñen, e seguen, transmitindo, unha imaxe tópica de Galicia baseada, no esencial, nos irresistibles atractivos dunha natureza pródiga. Unha natureza na que, de certo, bosques, vales, soutos, ríos e montes en sublime coalición cun océano un chisco ciclotímico, que o mesmo pode ser un relanzo xeórxico que unha gorgona enfurecida, destilan unha paisaxe bretemosa e céltica, admiración de propios e estraños. De topicazos con sabucho nacionalcatólico como aquel Galicia, terra meiga a eslógans máis currados, Galicia: gárdasme o segredo?, ou o recentísimo Galicia, o bo camiño, o país véndese como mercadoría na que, co primeiro plano da gastronomía e a festa jolgorrio, sobrancea o fondo dunha natureza engaiolante. Todo o cal non deixa de resultar un dramático paradoxo coa absoluta tolerancia ou desleixo, cando non complicidade, dunha política (mellor sería dicir antipolítica ou apolítica) que ten conducido o noso medio natural a unha situación de alarma crítica. Ao meu xuízo, para a preservación dun patrimonio colectivo perante o cal a catedral de Santiago é ápenas unha modesta capela, a Xunta ten a obriga ética e civil, tan elevada como complexa, de poñer orde nun caos inveterado, de cara a salvar os mobles que aínda se poida.
É posible que a brutal substitución de bosques autóctonos e seculares (carballos, castiñeiros, salgueiros, freixos, buxos…) por eucaliptos, na procura dun necio cortoplacismo propio de latitudes terceiromundistas, non teña remedio. E posible que xabaríns e lobos, que levan habitando este noso país dende antes ca nós mesmos, sexan hoxe os inimigos a bater, entre outras cousas porque nos bosques nos que se alimentaron durante milenios non hai máis ca eucaliptos. É posible que tampouco teña remedio o destrozo urbanístico dun país inzado de palafitos de cemento, invadido de lixo por onde queira, de leiras pechadas con somieres oxidados e aldeas e vilas que abochornan na núa fealdade de construcións indefinibles. É posible que os efectos cíclicos da patolóxica piromanía dunha lexión de miserables pailáns sexan igualmente irremediables. Pero eu, que son unha persoa positiva e pai de dous mozos, quero crer que un pacto pola nosa natureza aínda é posible. Tal vez sexa un inxenuo.
Un amigo contoume que unha vez, de noite, atropelou un pequeno corzo nunha estrada secundaria. O que máis lle impresionou, díxome, foi que, cando mirou o animal morto, observou de que dun olliño lle pingaba unha bágoa.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario