O finado de
meu pai era un home, como antes se
dicía, «chapado a la antigua», malia ter ideas progresistas en moitas cousas e
ser persoa que, como o país, foi afacéndose, sen traumas nin espaventos, ás
novas circunstancias tras a ditadura. Pero nunca foi amigo de chintófanos que puxeran a proba a súa sinxeleza de pensamento. Unha vez, polos
Reis Magos, trouxéronlle unha máquina de escribir electrónica, que hoxe
semellaría un trebello paleolítico. Moi digno e delicado, para non ferir o
afecto de Súas Maxestades, díxonos que era unha cousa demasiado moderna e que
prefería quedar coa sua Olympia de toda a vida, pousada no seu venerable tapetiño
de feltro verde cos bordes dentados.
Papá era un
home con ocorrencias curiosas e atrabiliarias, que o facían un chisco
anacrónico, tipo de ideas fixas que non había cristiano que llas sacara da
cabeza. Cría, por exemplo, que todas as presentadoras da tele, nomeadamente
Rosa María Mateo, levaban perruca ou que as revistas do corazón nutríanse de
xigantescos arquivos fotográficos e que logo uns tíos buenísimos (literalmente, quería dicir intelixentísimos)
poñían os pes as fotos, facendo pasar de matute unha noticia sobre Lola Flores, Dyango ou Pitita Ridruejo, que non era máis que finximento. O bo do home tocou o ceo en ocasión de avaliar as
luces e sombras dunha innovadora prenda íntima feminina que vostede sen dúbida
lembrará. Dixo, moi serio e reflexivo: «Eu creo que iso do bonderbra (sic, por wonderbra) non vai ter moito éxito porque ten que causar unha certa
desilusión».
Eu creo que,
en moitos respectos, a sociedade que nos arrodea é un inmenso wonderbra, que quere aparentar moito pero
é todo recheo e calote. Cando, na sección de xardinaría dun área comercial,
descubrín un spray con aroma a herba para pulverizar na relva artificial, case caio
de cu. Polo visto, nun libro, dous autores franceses aseguran que George
Clooney é gay e se entende dende hai
anos co seu perruqueiro e que o seu perfecto matrimonio cunha fermosa executiva libanesa
é todo conto para chegaren en 2020 á Casa Branca polo partido demócrata. Vá por
Dios.
Como antídoto
ao veleno de tanta falsidade, eu, como meu pai, acubíllome nun kit elemental de ideas que me
reconcilian co pouco auténtico que vai quedando.
Na recente
visita a unha vella herdade da Costa da Morte, con intención de provernos
dalgúns dos excelentes froitos daquela terra pródiga (cebolas, patacas,
pementos...), atopei unha reflexión consoladora: máis aló do artificio dunha
sociedade hipertecnolóxica e impostada, a eternidade do campesiño, a íntima
comunicación do labrador coa terra que nos nutre representa un valor de
inmutable humanidade. E iso, creo, é bo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario