30.3.15

4U9525



Onte choveu porque unha volvoreta moveu as ás. Hoxe non chove, porque non as moveu. A felicidade, que non é, que nunca foi, que nunca poderá ser un estado constante, aliméntase de pequenos momentos, de ollares intensos, de mans enlazadas, de fluídos, de vencellos e vontades fortes pero invisibles como o aire que esiximos trece veces por minuto. A felicidade nútrese tamén de escaparlle ao plan director do universo que, se non ten todo trazado ao detalle, ás veces o parece. Imos tecendo o poema da nosa vida, sublime ou miserento, cando subimos ao coche, pola mañán cedo, para irmos á praia un día de verán, ao bicarmos os nenos pola noite ou cando poñemos o pote ao lume para cocer unhas patacas, agardando fuxir das xogadas da casualidade e fiados de que, mesmo quen nos mira mal, ha quererlle á vida tanto coma nós. 
Cando somos novos, vivimos a vida revoltosa dos cachorros reputando imposible envellecer pero tras o medio século damos en intuír que, nalgures, borrosa pero indeleble, debe haber inscrita unha data de caducidade e acordamos todos os días pola mañanciña alegres de podermos exprimir o primeiro día do resto da nosa vida. Risos e bágoas, momentos luminosos e lembranzas escuras, afectos e rancores repártense desigualmente, mesmo inxustamente, pois, mentres o virtuoso e sabio sofre calamidades, a aqueloutro, ruín e falso como un can cimarrón, sorriulle de xeito inexplicable a fortuna.
O ceo é azul; o sol da primavera quece aos poucos o mundo e semella que os rigores de novembro son un mal recordo. Tal vez hoxe estaba para chover e, xa ves, con toda a traza que tiña a auga, veu o sol. Agora morre o día e, mentres se anega o val de brétema e do doce rechouchío do melro, vai paseniño a tarde disfrazándose de noite. Mañán será outro día.
Semella imposible, enlouquecedoramente imposible, relacionar a crise existencial dun alemán de vinteoito anos coa morte dunha rapaza de Lugo que un bo día colle un avión en Barcelona canda a nai e mais a avoa. O 24 de marzo de 2015, a volvoreta moveu as ás (ou non as moveu, vaia un a saber) e nin vostede nin eu estabamos  no voo 4U9525 de Germanwings. En memoria emocionada de 149 inocentes que si o estaban, pido emprestado a D. Miguel Torga portugués os versos primeiros dun poema titulado «Bucólica»:  A vida é feita de nadas, de grandes serras paradas, à espera de movimento, de searas onduladas pelo vento 
Non sei que máis dicir.

No hay comentarios: