14.4.15

Lindes



Se algo teñen de mérito os artigos desta bitácora é a súa sinceridade, unha prenda á que, por certo, se acollen como última Thule todos os malos escritores (unha vez máis, lembremos a Wilde: todo poema malo é sincero). Estes fragmentos da galaxia, xa que logo tan sinceros, queren ser trasunto de moitos españolitos de a pé que, non podendo entender de todas as materias, xulgan de todas elas cando menos con sinceridade, punto xa deostado como vicio españolísimo por Fígaro: ignorar lo suficiente de ciencias y letras para poder hablar de todo ello con maestría. 
Vaia, así pois, por diante que eu non son xornalista nin profeso de tal, malia dar cada tanto o meu cuarto a espadas nas páxinas deste melancólico furancho sobre os máis diversos asuntos. Teño o xornalismo por unha profesión moi seria, dun grao de especialización moi elevado e, pola súa altísima responsabilidade nunha sociedade mediática e global, provista dun código deontolóxico especialmente sensible e complexo. A realidade é perceptible e, polo mesmo, interpretable de seu en función do perceptor, o cal, sen entrarmos a indixestas fonduras metafísicas, condensa con mestría a sabedoría popular: cada un fala da feira segundo lle vai nela. Por iso, as lindes do xornalista fronte á pulsión da noticia ou os matices da realidade están moitas veces nesa fina raia vermella que resulta doado ultrapasar. O balbordo e a estridencia son elementos que, malia desventuradamente consubstanciais á verbena informativa que hoxe é España, conveñen pouco a un periodismo rigoroso. Secomasí, un xornalista pode ser incisivo sen agresividade; agudo, sen impertinencia; enxeñoso, sen afán de protagonismo; mordaz, sen ofender; contundente pero non sectario.

Nunha recente entrevista que o ministro García-Margallo concedeu á xornalista Ana Pastor na Sexta, tiven un magnífico exemplo de todo o contrario: unha celeb, encantada co seu estrellato, que non dubida en sacrificar o eventual interese das opinións do xefe da diplomacia española (que algo interesante terá no miolo, digo eu) en aras de seguir demostrando á audiencia que o seu é dar caña a quen se lle poña por diante e usando para iso dunha estratexia, que polo visto arrasa, alicerzada máis en ver por onde pode aturdir o entrevistado que no que este poida dicir, unha estratexia que ten algo de interrogatorio policial. 
Sinto saudades de Balbín e a súa pipa. Cousas de facerse maior.

No hay comentarios: