Nunca deixará de chamarme a atención
o paradoxo de que, mentres Galicia é, como todas as culturas de base rural,
antropoloxicamente conservadora, no país se acepten, e aínde estimulen,
mudanzas inexplicables en sociedades cunha vivencia máis sólida e dinámica das
súas tradicións. O desexo desesperado de abandonar modelos de vivenda e poboamento,
admirablemente adaptados ao medio, e substituílos brutalmente por adefesios
híbridos ―fenómeno
que está na orixe do abominable feísmo
e o salpicón urbanístico tan
tipicamente galegos―
é unha clara manifestación de tal paradoxo: é como renegar da miseria secular
dos devanceiros, da súa casa e da súa aldea, e buscar no «palafito» pegado á estrada un estatus de
cidadán máis moderno. Aínda máis sorprendente é a extraordinaria facilidade con
que se esqueceu en Galicia unha cultura de inveterada necrofilia, suplantada
mecanicamente por tanatorios que, en menos de vinte anos, inzaron o país: os
interminable velorios cas do finado, os prantos, o bacallao con que se
cumprimentaba a amigos e deudos, as misas cantadas… son hoxe imaxes para a
lembranza, e bo é que o sexan, pois, independentemente da súa interpretación
social, non negarei eu as incontables vantaxes da magnífica organización actual
das pompas fúnebres e a benéfica distancia que, en delicadísimos momentos,
impón a asepsia dos tanatorios. Comparar óbitos e natalicios no xornal é outro
exercicio clave para a comprensión do paradoxo de que falo: nas ringleiras dos
falecidos forman Avelina, Nemesio, Ramiro, Manuela, Celso e Celestina; nas dos
neófitos Kevin, Adriana, Yanira, Borja, Yesseny e Aarón. Creo que Galicia é unha
sociedade con pés de lama na que a interpretación popular da cultura propia
está tinxida de traumas e complexos. O verán é un excelente escenario para
observar a veneración das tradicións populares: as romarías? Home, digamos que
todo o que se relaciona cun catolicismo fanático cae dentro do politicamente
incorrecto para o discurso actual, e iso de ir colgando billetes na figura dun
santo ou meter meniños vivos en ataúdes brancos é un espectáculo abochornante,
que mal casa cunha sociedade europea e aberta. As festas patronais? Mentres
toque a Panorama… Tradicións? Aí
teñen a romaría viquinga de Catoira, unha exaltación etílica máis, cun alicerce
histórico tan feble como os cornos nos cascos normandos. A tradición
levámola no calleiro: festa do chourizo ao viño, festa do salmón, da
troita, do escalo, da xouba, do lorcho, do melindre, da
leituga, do tomate asado e do muxo en escabeche. E, para postre, a esperpéntica
pantomima dunha «festa
celta», tan en
voga, na que o druída é o xefe de estudos do instituto e Fata Morgana unha
concelleira do Bloque. País.
2 comentarios:
Esa certa "esperpentización" cultural que se da en Galicia desde hai tempo non é, ó meu ver, nin máis nin menos ca un indicativo do que é o tempo presente. Este fenómeno adoita ser contaxioso, sen remedio. Vexo mal, iso si, o feísmo urbanístico: temos que conservar a Galicia enxebre para deleite dos turistas que veñen probar o queixo de tetilla sen importarlles que chova.
Grazas, amigo Xerardo, pola súa visita a este furancho e ao seu agudo comentario. Apertas.
Publicar un comentario