23.4.13

Cruzar a liña



Aínda lembro con repelús un vídeo caseiro que rulou pola rede hai uns anos, gravado en certa vila mariñeira, no que un fulano propinaba unha espantosa tunda a un fermoso pastor alemán suxeito a unha cadea. O tipo comezaba mallando no can cun pau pero se ve que, insatisfeito no grao do virulento desabafo, axiña agarraba unha barra de ferro para seguir zoupando no pobre chucho ben ao seu sabor. Tal vez o máis estarrecedor da escena era que, nun momento dado, se percibía que o maltratador, canso do exercicio, tomaba o seu tempo para alentar e recuperar forzas e perseverar no castigo. Recupero agora para quen me lea os dous pensamentos a que me conduciu aquel horror: a) non sei o que faría o can, pero nada podería xustificar tanta vesania; b) un tipo que fai iso cun can, pode facelo con calquera vítima, incluíndo, por suposto, seres humanos: unha vez cruzada a liña, só é cuestión de graos. Cruzar a liña: esta é a pedra angular, a trabe de sustentación, o nó gordiano da maior parte dos comportamentos humanos caracterizados pola violencia. Como o tigre que cata a carne dun cristiano e logo xa non quere doutra, aquel que cruza a liña está en óptima disposición de ascender doadamente no escalafón, por veces de xeito imperceptible. A adrenalina establece débedas que, cada vez, custa máis satisfacer, e o que en orixe foi una acción individual e puntual pode devir ben axiña nun acto gregario e, por que non, reiterado e aínda sistemático. Teño serias dúbidas acerca do estatuto autenticamente democrático da nosa, máis ben escasa, sociedade civil, na que, por botar man dun recente exemplo, unha votación de 12 contra 10 en certa corporación é cualificada de fractura, no canto de percibirse como un enriquecedor contraste de pareceres. Aquí todo semella substanciarse nunha dialéctica de enfrontamento, infectada máis ou menos polo bacilo da violencia. O tipo que ofrece unhas hostias (a expresión é literal) a un deputado no interior dun parlamento cruzou a liña. Non me importan os seus motivos, pois eu, vostede, aquel de alá, sempre podemos alegar outros. Asegúrolle, prezado lector, que nunca fun de tonadilla española e que sinto, polo demais, a mesma náusea ca vostede perante a chulería do sinvergonza, que se lucra con diñeiros públicos. Pero ver unha folclórica, outrora estrela rutilante, caer privada do sentido no medio dunha masa informe,  dirixida pola adrenalina primitiva, lembroume automaticamente a liña que nunca se debe cruzar. Non existen criterios para a turbamulta: quen poñerá os límites a próxima vez? Fago o posible por desterrar o pesimismo da miña axenda diaria, pero, ao meu redor, viólase diariamente a liña, ese ecuador imaxinario que non se ensina nin se aprende pero que está aí dende a bipedestación e a linguaxe articulada.

3 comentarios:

jose somoza dijo...

Moi ben Xoan,100% d'acordó

juan l. blanco valdés dijo...

Obrigado, Jose. Que tal che vai? Apertas.

Anónimo dijo...

Prezado Juan:
é doado desdebuxar liñas cando a desorde social, económica e política é de tamaña magnitude.
É doado mudar os marcos de sitio, cada quen ao seu antollo e interese.
Hoxendía, cando as lindes veñen determinadas por entes despiadados é común facer da provocación a mecha que acende o lume.
Non sei se estou ou non con vostede nesta reflexión, máis comparto a preocupación.
Sempre seguidora súa, Donagalaica.