Disque o orangután é o simio que
mellor responde ao proceso educativo da súa nai, puidendo diferenciarse con
claridade o individuo no que o comportamento aprendido se sobrepón ao instinto,
de aqueloutro no que a tendencia natural non tivo unha inhibición materna tan
intensa. Tras centos de miles de anos de evolución, o mono espido, en feliz
denominación de Desmond Morris, fixo da educación un proceso en virtude do cal
se modulan os nosos instintos primarios de mamíferos e transferimos, de xeración
en xeración, a nosa cultura (a
cursiva é miña). Educar, verbo
etimoloxica e conceptualmente emparentado con ducere, ‘conducir’ é, de feito, un proceso extraordinariamente
complexo e nomedamente marcado polos avances e retrocesos, os éxitos aparentes e
as numerosas frustracións; un proceso no que, en función da súa propia
experiencia, os maiores do grupo conducen
aos menores cara os valores que aqueles consideran óptimos para que, unha vez
cumprido o inevitable relevo no ciclo biolóxico, os cachorros da manda cheguen
a adquirir os hábitos e comportamentos que os adultos reputaron axeitados. Pero
o asunto ten trampa, pois todo relevo xeneracional leva encriptado un elemento
de distorsión ou, por mellor dicir, de disimetría. Un valor cultural é produto
dun contexto social e, na mesma medida en que este cambia, muda aquel; un pai
non ten outra alternativa ca transmitir ao seu fillo o valor cultural que el
mesmo modulou cando foi novo, e que, á súa vez, é o herdo do valor cultural dos
seus maiores. Pero ese valor está implicitamente chamado a perderse no baldeiro
dun contexto social, ás veces radicalmente diferente. O kit educacional da miña
xeración incluía un certo inventario de elementos troncais: o que somos é
produto do noso esforzo; as cousas custa moito gañalas; a propiedade dos demais
e inviolable; o diñeiro non cae do ceo, e cousas así de orixinais. Polo demais,
para os adultos da miña quinta os nenos eramos unha sorte de borralla que
molestaba á hora de comer e debía gardar silencio cando os maiores falaban. Pero
o mundo mudou e evoluíu cara a unha cousa chamada estado do benestar, no
contexto do cal os pais teimamos en converter a nenez dos nosos fillos nunha
arcadia analxésica onde a súa felicidade era o valor por excelencia, o cal
implicaba inevitablemente negar moitos dos propios valores adquiridos por nós
cando nenos. Quero crer que ningún dos dous adolescentes cos que convivo
esnaquizará nunca o mobiliario dunha casa allea nunha orxia colectiva de alcol e drogas. Se, con todo, recibo de madrugada unha chamada do benemérito corpo,
tal vez non teña moito sentido preguntarme qué fixen mal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario