9.4.13

Arranxando o mundo



Vive dende hai tempo alimentando a convición de que errou nacendo no país. Das súas estadas en Centroeuropa lembra, con especial carraxe comparativa, o coidado extremo do urbanismo e o respecto do medio natural; o mimo que ata os máis humildes labradores poñen en adecentar as súas propiedades; a formalidade da xente eos profesionais; a puntualidade incrible dos trens e autobuses; o murmurio apenas perceptible en bares e locais públicos. O engadido dunha crise demoníaca que non parece deixar títere con cabeza, unha nómina en caída libre, a sombra ominosa dun eventual despedimento e o acicate dun inverno infinito, provocan que o tipo ande máis queimado ca o pau do churreiro. Renega da ineficacia dun sistema baseado na insensatez e permanente improvisación; abomina do continxente de indocumentados, tan ousados como ignorantes, que semellan filtrarse aos postos de maior responsabilidade; deplora a demagoxia de quen, aproveitando o infortunio alleo, tira proveito para esmolar protagonismo e subirse ao machito; lamenta, en fin, e nunha sorte de totum revolutum, a cada vez máis amarga ausencia dunha auténtica sociedade civil, suplantada por un balbordo insoportable de escraches, oportunistas, declaracións e contradeclaracións e inesgotables conversas de café onde se arranxa o mundo, sen que se arranxe nada. Que, neste caldo de cultivo, leve máis de dous meses agardando por unha mellora solicitada por vía oficial na grande empresa onde traballa, sen ter en todo ese tempo xa non resposta, senón nin sequera un acuso de recibo, non fai máis ca sancionar a súa saudade dun natalicio anglosaxón. Unha noite, na urbanización onde vive, o tipo ten que sacar a pasear o can. Para variar, chove e vai frío e, de mala gana, colle a correa e a parka e sae co chucho á gozar da intemperie. En medio do vendaval entrevé unha sombra. É un novo veciño que, ao igual ca el, sacou o can a mexar. Pegan na conversa e o tipo descobre sorprendido que o novo veciño traballa na mesma empresa. De feito, é o responsable do departamento ao que solicitou a mellora. Cando se despiden, a mellora solicitada ten data, hora e o compromiso formal dun ser humano que, a diferenza do proceloso sistema, ten cara, voz e identidade. O tipo volve a casa reconciliado coa negra realidade: acaso non sexa mal procedemento subsitiuír a perversidade global pola humanidade individual. Ao cabo, non está todo perdido. Pero, como non hai fariña sen farelo, unha dúbida punzante preme na súa conciencia: e isto non será tráfico de influencias?

1 comentario:

Anónimo dijo...

Esto q propone ,es un delito ,se llama tráfico d influenciaS.Ese caballero,se está aprovechando d una amistad para conseguir,algo. Hay muchas empresas en la misma situación y peor.Q siga los trámites q le imponga la ley y q deje q su nuevo amigo ,no se comporte como siempre,en este pais d amiguistas