Vive dende hai tempo alimentando a
convición de que errou nacendo no país. Das súas estadas en Centroeuropa
lembra, con especial carraxe comparativa, o coidado extremo do urbanismo e o
respecto do medio natural; o mimo que ata os máis humildes labradores poñen en
adecentar as súas propiedades; a formalidade da xente eos profesionais; a
puntualidade incrible dos trens e autobuses; o murmurio apenas perceptible en
bares e locais públicos. O engadido dunha crise demoníaca que non parece deixar
títere con cabeza, unha nómina en caída libre, a sombra ominosa dun eventual
despedimento e o acicate dun inverno infinito, provocan que o tipo ande máis
queimado ca o pau do churreiro. Renega da ineficacia dun sistema baseado na
insensatez e permanente improvisación; abomina do continxente de
indocumentados, tan ousados como ignorantes, que semellan filtrarse aos postos
de maior responsabilidade; deplora a demagoxia de quen, aproveitando o
infortunio alleo, tira proveito para esmolar protagonismo e subirse ao machito;
lamenta, en fin, e nunha sorte de totum
revolutum, a cada vez máis amarga ausencia dunha auténtica sociedade civil,
suplantada por un balbordo insoportable de escraches, oportunistas,
declaracións e contradeclaracións e inesgotables conversas de café onde se
arranxa o mundo, sen que se arranxe nada. Que, neste caldo de cultivo, leve
máis de dous meses agardando por unha mellora solicitada por vía oficial na
grande empresa onde traballa, sen ter en todo ese tempo xa non resposta, senón
nin sequera un acuso de recibo, non fai máis ca sancionar a súa saudade dun
natalicio anglosaxón. Unha noite, na urbanización onde vive, o tipo ten que
sacar a pasear o can. Para variar, chove e vai frío e, de mala gana, colle a
correa e a parka e sae co chucho á gozar da intemperie. En medio do vendaval
entrevé unha sombra. É un novo veciño que, ao igual ca el, sacou o can a mexar.
Pegan na conversa e o tipo descobre sorprendido que o novo veciño traballa na
mesma empresa. De feito, é o responsable do departamento ao que solicitou a
mellora. Cando se despiden, a mellora solicitada ten data, hora e o compromiso
formal dun ser humano que, a diferenza do proceloso sistema, ten cara, voz e
identidade. O tipo volve a casa reconciliado coa negra realidade: acaso non
sexa mal procedemento subsitiuír a perversidade global pola humanidade
individual. Ao cabo, non está todo perdido. Pero, como non hai fariña sen
farelo, unha dúbida punzante preme na súa conciencia: e isto non será tráfico
de influencias?
1 comentario:
Esto q propone ,es un delito ,se llama tráfico d influenciaS.Ese caballero,se está aprovechando d una amistad para conseguir,algo. Hay muchas empresas en la misma situación y peor.Q siga los trámites q le imponga la ley y q deje q su nuevo amigo ,no se comporte como siempre,en este pais d amiguistas
Publicar un comentario