13.2.13

Ratzinger Zeta



A absoluta carencia de espiritualidade é un patrimonio gañado a pulso por unha sociedade de mindundis e progres de gardarroupa, onde, no altar da incultura e da ousadía, todo se trabuca e mixtifica e para quen a relixión é cousa “de dereitas”, enviándose ao mesmo saco a Banca Vaticana e Xesús de Nazaré, a loxia P2 e Beato de Liébana, san Pascual Bailón e Frei Bartolomé de las Casas, Agustín de Hipona e monseñor Guerra Campos, o catecismo do padre Astete e a Cruzada pola Liberación Nacional. A renuncia de Bieito XVI é para a maioría un asunto similar á demisión do alcalde de Baños de Molgas, motivo para arrequentar frívolas quinielas ou acicate do chiste topicón e vulgar. Ratzinger, que aos oitenta e cinco anos da súa idade, imparte leccións de teoloxía a braccio, é un facha que odia os gays e o uso de condóns. Max Estrella ―que gastaba a xenialidade amarga do xenio dipsómano e pobretón― vaticinou con estremecedora lucidez:  "La miseria del pueblo español está en su chabacana sensibilidad ante los enigmas de la vida y de la muerte. La vida es un magro puchero. La muerte, una carantoña ensabanada que enseña los dientes. El infierno, un calderón de aceite albando, donde los pecadores se achicharran como boquerones. El cielo, una kermés sin obscenidades a donde, con permiso del párroco, pueden asistir las Hijas de María. Este pueblo miserable transforma todos los grandes conceptos en un cuento de beatas costureras. Su religión es una chochez de viejas que disecan al gato cuando se les muere".  Agora, como aquel signor San Giuseppe cunqueirano, tolleito e calabrés, que quería saber se houbera algún papa coxo e de qué perna, pois xa se vía de tiara na gestatoria tras envelenar todas as fontes da cidade eterna, cada un dos purpurados sublimará en cristiá mansedume a soberbia de imaxinarse elixido o duocentésimo sexaxésimo sexto sucesor de Pedro e, reunidos en secretísimo cónclave, consultará o fondo da súa conciencia, conxurando coas potencias do espírito o abxecto materialismo do século. Extramuros da Sixtina, debates, artigos de opinión, suposicións e apostas seglares, razoamentos dos laicos e “simples” que nada teñen que ver cos ritos da Igrexa, católica, apostólica e romana, con cerimonias e accións previstas, e puntualmente cumpridas, dende hai dous mil anos para seguir asegurando a incardinación de Xesús no seu vicario terreal. E o país pensando en que un papa é algo así como un presidente de goberno, que os hai a dar co pé. Conque se decate o Espírito Santo, todos derechitos ao inferno! Ou ao purguratorio, que é aínda peor!

No hay comentarios: