19.2.13

Baduar


Comezar unha columna afirmando que vivimos nunha sociedade mediática é algo así como que un autor advirta ao lector, nas primeiras liñas do capítulo 1, que unha novela trata de homes e mulleres. Pero, por veces, constatar obviedades pode resultar saudable. Vivimos, en efecto, nunha sociedade mediática, hiperinformada, fenómeno para o cal de certo que os teóricos da comunicación teñen formulado sesudas hipóteses. Pero eu, que son un chorón que de todo se queixa, deixo tan interesantes argumentos para o circuíto pechado dos grandes especialistas onde estas cousas adoitan desenvolverse, sen que atopen vencello algún co mundo real. A min, que habito un mundo moi real e intento tirar para diante, interésame poñer en branco sobre negro o feito, perfectamente comprobable, de que o oitenta e cinco por cento da poboación, tanto activa como inactiva, bote o sesenta por cento do seu tempo útil comentando, interpretando, discutindo, polemizando, debatendo, disputando e cuestionando os titulares cos que día a día nos agasallan os medios: alcaldes, concelleiros, deportistas, folclóricas e tesoureiros corruptos, ata os Borbóns -que sempre supuxemos alén do ben e do mal-, xerentes, cuñados, electricistas, xenros, noivas, amantes alemanas, curmáns… compoñen unha farándula esperpéntica, un cotián guiñol peripatético perante o respetable, que, xa indixestado de información, non ten elementos para separar o po da palla e só agarda o momento en que Barrigaverde poña fin a tanta trangallada: Morreu o demo, acabouse a peseta. Pero non hai dios que mate o demo e a peseta semella estirarse indefinidamente. Como medida de elemental profilaxe, e tamén en beneficio do estrito cumprimento do meu horario laboral en termos de produtividade, eu puxen pena de desterro nas miñas conversas á crise, aos escándalos e corruptelas e á política, pois estimo que todo clima irrespirable acaba por pasar factura. Poño por caso: telefóname unha colega da vila e corte por mor dun asunto profesional e comeza a conversa dicindo qué, como lleváis por ahí la crisis? e eu espétolle por aquí bien, gracias, y, oye, yendo al grano… Ou atopo no café un magnífico exemplar de Obsesus omiinformatus sp., quen, tras meterse entre peito e espalda dous cortados con magdalena, tres editoriais e nove artigos de opinión política, me solta: Que cabrón este Mariano! ao que replico: Oe, xa che marchou o derrame que tiñas no ollo dereito!, co cal deito a conversa cara a outros derroteiros e me eximo do peñazo de darlle voltas, durante vinte minutos da miña xornada laboral, á política do PP nunha conversa, polo demais, tan aburrida como perfectamente inútil. E así nos vai. Mentres noutras latitudes se decide o mundo, aquí baduamos sen darnos repouso. Vá por Dios.

No hay comentarios: