27.1.13

Fellini e o BNG de Ourense



A máis notable característica dos clásicos é a súa infinita plasticidade. Que un neno de comezos do século XXI  ría as gatadas de Lázaro de Tormes, a emoción que provoca o fermoso busto de Nefertiti ou que un grupo tecno contemporáneo versione A Day in the Life dos Beatles remiten non só á súa permanente louzanía senón á capacidade dos produtos orixinais de se amoldaren a criterios estéticos radicalmente diferentes aos do tempo en que foron creados. Iso, e non outra cousa, son os clásicos. Hai clásicos en todas as artes sublimes pero a súa vitalidade e cercanía consagraron o cine como un dos máis populares produtores de clásicos: personaxes, melodías, diálogos, situacións… forxan a iconografía do mundo moderno, en moitas ocasións trazando paradigmas universais da nosa natureza humana. Anita Ekberg e Marcello Mastroianni quintaesenciaron na Fontana di Trevi o hedonismo e o rabioso desexo de facer da felicidade, por máis que sexa frívola, superficial, breve e evanescente, o motor mesmo da existencia. Como a saia voandeira de Miss Monroe ou o baile baixo a choiva de Gene Kelly, a escena de La dolce vita de Federico Fellini (1960) condensa todos os valores do clásico na sétima arte. Tirando desta dimensión atemporal, popular e simbólica ata a o obviedade, un artista inspirouse na escena para o cartel anunciador do entroido na cidade de Ourense. Trocando con enxeño a arquibarroca fonte romana polas burgas locais, e a Ekberg e Mastroianni por una moza e un mozo en actitude desenfadada e festiva, a imaxe convida, emulando a escena orixinal, a celebrar a ledicia de vivir celebrando a don Carnal, máximo expoñente da liberalidade e o sentimento da festa fronte aos rigores de togas, uniformes e sotanas. Polo visto, o BNG local, que tilda o cartel de sexista, non coincide con esta visión, aínda que cabe dentro do posible que os membros da formación que denuncian o cartel se subtraeran voluntariamente ao engado da cinta de Fellini, ben por non teren oído da existencia de tan recomendable filme, ben por consideraren a escena orixinal de don Federico igualmente sexista. Opinan, por outra banda, que o cartel está «desubicado da realidade cultural, política e social de Ourense e do noso país». Para min, que xa son vello can, este casticismo, reiterado ata o aburrimento, evócame, sen poder evitalo, o discurso dunha España, grande y libre, no que a realidade cultural, política e social de nuestro país era  o permanente e patético contrapunto da visión dun mundo aberto e enorme. Por cousas así, nunca serei un bo patriota.   

3 comentarios:

d.c. dijo...

Non sei que fixen que perdín todo o escrito. Impericias dixitais. Agora non teño tempo de intentalo de novo. Aínda que o tivera, xa non sería o mesmo.

detective crepuscular dijo...

Toca intentar reconstruir o perdido.

Por cousas así, pola España Grande y Libre que padecemos, polo que dicía onte o Manuel Vicent no seu artigo dominical e polo que dicimos moitos e moitas todos os días, por todo iso e moito mais que non convén repetir aquí, eu síntome INDEPENDENTISTA. Non sei se patriota, nacionalista, periférico ou como vostede prefira, pero si INDEPENDENTISTA recalcitrante, indómito ou incurábel diante da revitalización franquista que non paran de alentar desde as covas doutrinais da FAES e afíns. Nos meses de novembro, decembro e creo que un chisco no de xaneiro deixeino escrito polo miúdo no blog de Fermín Bouza e a el me remito. Quero dicer con isto que á miña Anita Ekberg deulle por ir pondo como fondo de pantalla as fotos da última viaxe a Roma e desde hai uns días figura como fondo a da miña raiña na Fontana di Trevi, non mollándose precisamente nas suas augas mitolóxicas. Quero dicer con isto tamén que eu nunca (ou case nunca, jeje) faría servir os argumentos do BNG para criticar o cartel anunciador do Entroido, entre outras cousas porque me botei do BNG xa hai mais de trinta anos por cousas como as do cartel e outras que non veñen ao caso. Pero, ollo, iso non quita para que cuando teña que cualificar o nacionalismo dos demais (nunca o español, que ese parece non existir) o cualifique de totalitario, nazi ou nacionalismo de palleiro ou de campanario, ou outras expresión tan de moda nos últimos tempos en que o "direito a decidir" se abriu paso no fragor do debate mediático e político. Por iso quero porlle unha pequena pega á parte final do seu comentario cuando afirma que "Este casticismo evócame, sen poder evitalo, o discurso dunha España, grande y libre..." Non, a min este casticismo (nun primeiro momento lin catecismo, que tamén pudera ser, ou CATETICISMO, xa en plan mais guerreiro) nunca me evocará esa España de Franco, Fraga, Aznar, Rouco, Wert, Bárcenas, etc. Non vexo a nengún destes nacionalistas españois até a médula bañándose nas augas da Fontana, pero ao alcalde do meu povo, que é do BNG, carallo se o vexo.

juan l. blanco valdés dijo...

Obrigado, amigo Detective Crespuscular, pola súa visita e interesante comentario ,que, naturalmente, e malia ser eu mal patriota, comparto nalgúns puntos. Saúdos cordiais.