3.1.13

Nada gallega



En portada de certo sabatino feminino, que, como corresponde a un sabatino feminino, sae os sábados e se dirixe de preferencia ás mulleres, un titular amosa orondo a súa desfachatez: La primera dama más desconocida. Retrato de Elvira Fernández. Es directa, pasional y «nada gallega». Malia a miña condición de varón (non se pode ser perfecto), apaño a revista e somérxome en tan interesante retrato humano, no que se salienta como extradordinario mérito que a Sra. Fernández non se contentase con ser a abnegada madre y apoyo y reposo del guerrero Rajoy, senón que, polo que parece, tamén ten a súa vida profesional. Polo demais, descobre un que a first lady naceu en Pontevedra, estudou en Santiago, veraneou toda a vida en Sanxenxo e casou con don Mariano na illa da Toxa. Recoiro! Pois para non ser nada gallega si que o disimula! Como se pode doadamente inferir, a metafórica negación da súa galeguidade provén de enfrontar o feito de que Dª Elvira sexa directa e paixonal ao estereotipo da nosa bretemosa indefinición atlántica. Nas redes sociais, os gardiáns do lume sacro reaxiron, como adoita acontecer nestes casos, coa carraxe e pouco sentido do humor de quen está afeito a vivir nunha alerta permanente perante o agravio e a interpretar como un insulto a máis velada alusión á que, polas mostras, reputan unha condición semisagrada. No Facebook cheguei a ver un remedo vengativo da devandita revista na que a chica de portada era Rosalía Castro, a quen se presentaba, claro, como moi galega. Se a santiña levantara a cabeza!! A min, para quen, sendo da Estrada, o feito de ser galego me parece máis ou menos igual de trascendente ca ser neozelandés para un nativo de Auckland, isto dos estereotipos antóllaseme un reflexo en panorámica do reducionista que resulta a mísera natureza humana: o catalán, tanazas; o vasco, primario e algo brutarate; o aragonés, túzaro; o andaluz, nugallán e frivolón; o alemán, cabeza cadrada; o francés, cursilón e afectado; o británico, flemático; o irlandés, borrachón e pendenciero; …e o galego, pois, xa saben: Deus é bo, pero o demo non é malo, unha visión do mundo, dito sexa de paso pouso da circularidade céltica fronte á xeopolítica cadrada e mediterránea dos romanos―, que me parece chea de aspectos positivos. Creo, en todo caso, que para esnaquizar esterotipos non existe nada mellor ca a reductio ad absurdum. Coñecín eu un de Toedo, freguesía a carón da vila pequerrecho, forte, mouro, listo como un allo malia case analfabeto―, que era taxista en Hannover. Intereseime en saber que lles dicía aos clientes cando lle preguntaban de onde era: Eu digo que son turco. Así non teño que andar con máis explicacións. Alabei a súa sabedoría, baseada na terquedade do mundo real e non en sutilezas de retórico.

No hay comentarios: