22.1.13

A ditadura do traballo

Vive na reiteración o xermolo do noxo, na rutina latexa o sentimento, gris e mesto, do fastío. Tomar unha ducha no comezo dunha xornada pode resultar un exercicio de tonificación ben pracenteira, pero, cando limiar de accións repetidas e situacións perfectamente previsibles,  tórnase, como as sílabas dunha salmodia, unha conduta carente de todo atractivo, o mero introito dun día por completo semellante ao anterior. Nun caldo de cultivo social que ten elevado a novidade aos altares, a rutina é, nas nosas relacións amorosas, sexuais, persoais, a voraz inimiga dese marabilloso sentimento, ai, tan pasaxeiro, das cousas no seu comezo, cando aínda non existen os costumes. Conciliármonos coa rutina, creo, (e ata nas existencias en apariencia máis suxestivas e turbulentas alenta a serpe do costume) é un reto vital que, de fracasar, pode xerar unha insatisfacción crónica. Lembra Vde. cando, de nenos, a reiteración era un castigo? Vas a copias cien veces "No se pega a los compañeros". Tras as vintecinco primeiras copias, a náusea apropiábase de nós; despois das cincuenta, o número 100 parecía aínda máis afastado ca no comezo, pois a impaciencia acadaba xa proporcións insoportables. Paradoxalmente, eu vivín unha experiencia na que a reiteración copiativa foi o estímulo creativo para unha obra única, prodixio de ourivería editorial: por instigación dun amigo, manuscribín cen veces, en papel previsto para tal efecto,  o fragmento dun poema, que logo o editor, xunto cos 100 fragmentos poemáticos e manuscritos de 37 poetas, encadernou nunha edición de 100 exemplares na que cada especime era único (Antonio Piñeiro, editor: 37 poemas por man propia, Col. Bourel, 2006). Aínda así, mentiría se non recoñecera que, mesmo con obxectivo tan fermoso, fun vítima do aburrimento e acabei do bendito fragmento máis cheo que de bolo. A arte pode ser, en efecto, transgresión e virar perspectivas habituais cara ó terreo do insólito, buscando así a reacción do espectador. Pero a transgresión e a heterodoxia non son arte en si mesmas, algo que, me parece, estamos moi afeitos a aceptar. Un artista, Santiago Sierra, especialista en performances, abona o salario mínimo interprofesional a 30 parados facéndolles escribir 1000 veces O TRABALLO É A DITADURA, como denuncia das perversións do capitalismo e da crise actual do emprego. É como torturar un can para denunciar o maltrato animal. Sempre me preguntei sobre o valor e alcance social destas bizarras manifestacións artísticas contemporáneas que, de certo, esixen un público devoto, culto, modernísimo e pouco vulgar, características tal vez difícil de reunir entre seis millóns de parados, que estarían encantados de someterse ás perversións do capitalismo e a alienante ditadura que a performance denuncia. Porque, como o diaño lembra ao Dr. Fausto, a teoría é gris pero verde é a arbore da vida.

No hay comentarios: