1.11.12

Poesía e bricolaxe



Hai disto ben anos, na miña Estrada natal, que sempre foi vila de espíritos chocalleiros, a un que tiña un ultramarinos ocorréuselle vender puntas de piso e expoñelas na porta do establecemento. Ao dono da ferretaría de enfronte faltoulle tempo para dependurar do seu escaparate unhas follas de bacallao, argumentando, con toda sensatez, que el non fora o primeiro en ultrapasar as competencias comerciais do ultramarinos, pero que, se lle tocaban as narices, tiña todo o dereito a reaxir. En evitación destes conflitos aconsella, en efecto, o bo proverbio que  atenda o zapateiro aos seus zapatos, e, eu ao abeiro desta sabia sentenza, en ocasión das inevitables, e por demais molestas, avarías domésticas ou perante a necesidade dunha obra pequena no fogar, opto pola man perita dun profesional, asumindo a miña absoluta incapacidade, e aínda intución, para tales mesteres. Cando me afean esta ineptitude para as obras manuais, e que, en punto a habilidades domésticas, mal sei desmontar unha persiana, opoño que tampouco tocar a batería e a guitarra e, ademais, escribir poemas é gran de anís. Non sei por que se lle ha de atribuír máis mérito a montar un armario de Ikea que a interpertar o fermoso madrigal de Steve Howe "Mood for a day". Pero así é. A arte e o traballo intelectual están moi devaluados, acantoados tal vez por unha sociedade na que, tras anos de sobreestimación social das dotes do intelecto, hoxe hai universitarios a dar co pé, mentres con moitas dicifultades se atopan electricistas, fontaneiros ou albaneis que non sexan uns chafulleiros de mala morte. Porque a intelixencia é selectiva e, como lembro sempre que me deixan, un pode ser moi listo para os polinomios e un parvo para os recados. De por parte, recoñezo que as miñas calidades bricolaxísticas acadan o seu límite en cambiar unha bombilla. Manteño, por exemplo, unha curiosa relación co pegamento superglú: os meus dedos acaban sistematicamente embadurnados de dura costra mentres o obxecto a pegar remata por dobregar o meu designio e manter túzaro a súa independencia. En fin, que agradezo ao destino terme evitado formar perante os oficiais nazis que seleccionaban os cidadáns indispensables, en función dos seus coñecementos e habelencias, pois non teño dúbida da ringleira na que, cando dixera que son editor, toco a guitarra e escribo poemas, ía rematar. Pois, como ben preguntaba en certa ocasión un poeta,  à quoi sert un poète?

1 comentario:

Anónimo dijo...

E aínda hai quen pensa que farías ben de meterte ás manualidades dunha vez, que non se pode pasar a vida así, sen facer scrapbooking dese :-) Solidariedade, meu

Marae