6.10.12

Dous días, algunhas ideas e unha clasificación

Dous días intensos en LIBER, este ano celebrado en Barcelona. Ademais dunha morea de entrevistas e encontros, asistín a ponencias e mesas redondas sobre novidades na xestión do ISBN; novas formas de distribución dixital; novas formas de cooperación dixital; novas conceptuacións legais nos contratos de edición dixital... Todo leva o adxectivo novo, pois, o que ata agora eran as prácticas e procedementos tradicionais no mundo do libro, é xa vello. Isto, e outras incitacións e observacións, estímulame a reflexión de que os actuais factores do libro son de catro pelaxes diferentes:
a) os que, por idade, se senten, xa máis, xa menos, desligados dunha contorna profesional altamente tecnoloxizada que non entenden nin queren entender;
b) os que coñecen as formas (de creación, editoriais, de relación, comerciais, produtivas) tradicionais do mundo do libro pero, tamén por idade, foron parte da revolución tecnolóxica de mediados dos oitenta en diante e viven o momento actual con ansiedades, si, pero tamén co mesmo entusiasmo e espírito creativo que sempre caracterizaron os editores;
c) os que, pertencendo ao grupo b, actúan coma se fosen do grupo a);
d) os que, de novo igualmente por idade, naceron e se desenvolveron profesionalmente no caldo de cultivo hipertecnolóxico, é dicir, os "nativos dixitais" de Prensky.
Unha análise máis simplista unificaría estes grupos en dous: tecnófobos e tecnófilos. Vale, toda análise simple é panoramicamente certa. Nun grato encontro, café incluído, Luis Collado, de Google Books, e eu conviñamos en pertencermos, por idade e experiencia formativa, ao grupo b, o grupo, creo, capaz hoxe de liderar en mellores condicións os eventuais traumas, efectos colaterais e secuelas da complexa transición que estamos vivindo. Estimo, polo demais, que moitos dos comportamentos (non digo todos), actitudes e prepotencias dos integrantes do grupo d -os nativos dixitais tecnófilos à outrance- están na xénese de centos de iniciativas máis ou menos "empresariais" que rematan en nada, convocadas pola urxente voráxine tecnolóxica do momento, e que deron forma nos últimos anos a iso que o libro clásico de André Schiffrin definiu tan xenuinamente: a edición sen editores. En calquera caso, e despois de tanto intercambio de ideas, retorno de LIBER cun pensamento alentador: se para todos os elementos da actual transición dixital (cando menos en Europa) existisen xa liñas de actuación perfectamente definidas, simplemente non me chegaría a camisa ao colo, pois estaría botando contas obsesivamente de ata que punto estou actuando cerca ou lonxe desa liña. O bonito do asunto é que, en materia dixital, non semella existir unha liña definida nin estable en nada (creación, edición, produción, distribución, propiedade intelectual...) alén de dez ou doce comportamentos, ditados máis pola sensatez ca magnitude tecnolóxica das circunstancias por onde hoxe transita a edición internacional. Tal vez, tanto entre os elegantes stands dos megagrupos como nas barracas máis modestas dos editores pequenos e independentes circule, calada, arteiramente, un gratificante intercambio de miserias. Porque, quen que queira ser millonario se adicaría a editar libros?


No hay comentarios: